Pasos de ballet con botíns de aires vitorianos

Valentino reinterpreta as bailarinas de ballet

Esta temporada, o prêt-à-porter vive nunha tensión constante entre o street style máis extravagante -case unha caricatura de si mesmo- e a redescuberta da silueta feminina a través de materiais e patróns clásicos. Mais nada é branco ou negro, senón que a maioría das grandes marcas apostan pola diplomática (e, sobre todo, rendible) vía de harmonizar ambas tendencias. Valentino é un bo exemplo. A súa interpretación da indumentaria de ballet ao estilo grunge non deixa indiferente. Entre tanta efusión de tule e satén, o protagonismo lévano os complementos. As bailarinas convértense nun calzado híbrido e toman como referencia a estética vitoriana.

Despois de oito anos compartindo con el a dirección creativa da casa italiana, Maria Grazia Chiuri despedíase de Pier Paolo Piccioli cunha colección de inspiración romántica, mais materializada en looks escuros, tanto no fondo como na forma. O ballet -que tamén é fonte de inspiración para Miuccia Prada en Miu Miu ou John Galliano- é o motivo central da colección outono/inverno 2016-2017 de Valentino. Predominan as faldas estilo tutú sobre mallas e pantalóns, os bodies e medias grosas e as siluetas fluídas en vestidos. O nude e o negro son os dous polos nunha paleta de cor reducida á mínima expresión, sobria, tan disciplinada como o propio ballet.

O ballet é tamén a fonte de inspiración de Valentino
Valentino revisa o fondo de armario do ballet

Na súa exploración dunha tendencia manida e recorrente, Chiuri e Piccioli saen con ben grazas, curiosamente, aos elementos accesorios. Os pés reclaman agora a atención, protagonistas voluntarios. Despois do éxito mediático colleitado polas bailarinas punk de Miu Miu, Valentino atrévese a transformalas en botíns. Como se quixese montar un ballet con bailarinas das rúas… do século XIX.

Á carón dos xa clásicos zapatos de salón Rockstud, os botíns-bailarinas traen aires de orixinalidade. Tan só se presentan en dous modelos: negro e rosa empoado, respectando así o cromatismo da colección. Están fabricados en napa, cun deseño estilizado e punteira redonda coroada cun lazo que evoca a feitura das zapatillas de ballet básicas. Coma estas, incorporan dúas cintas en contraste que percorren o peito de pé e rematan nunha lazada á altura do nocello.

Ata aí as semellanzas. Porque, malia que os 6 centímetros de tacón cadrado que incorporan os botíns de Valentino serían unha tortura para calquera bailarina, esa reminiscencia da estética vitoriana fai delas un escuro obxecto de desexo para fashionistas. Velaquí o principal argumento para non deixar de lucir pés de bailarina mesmo en inverno.

@Ce_FerSan / Fotos: valentino.com