Patíns con stilettos ou stilettos con patíns, por YSL

'Stilettos' ou patíns? Velaí o dilema

A renovación de YSL baixo a dirección de Anthony Vaccarello vai sobre rodas. Canto menos, iso podería dicirse á vista da colección de calzado para o outono-inverno 2017/2018 da casa francesa. Os stilettos consolidan o seu reinado, pero exploran curiosas sinerxías co lado menos sofisticado (e máis divertido) do espectro dos zapatos. Saint Laurent desafía así as convencións… e o sentido do equilibrio.

Desde que na primavera de 2016 anunciara o nome do seu novo creativo, a “vaccarellización” da marca iniciou o seu proceso implacable, directamente proporcional á expectación (e á polémica, por que non admitilo) xerada entre clientela e medios especializados.

Se esta temporada boa parte das coleccións de prêt-à-porter internacionais se nutren de referencias socioculturais dos anos 90, Vaccarello pon a nota discordante coa súa xa característica fascinación coa década precedente. Vestidos curtos, mangas asimétricas, moito PVC e coiro, medias de rede e stilettos infinitos en botas e zapatos son os seus sinais de identidade.

A provocación instalouse con el en Saint Laurent, e a quen o acusa de banalizar o legado do fundador e de facer del un sucedáneo do Balmain de Olivier Rousteing, o deseñador belga responde con máis desafíos estéticos. Como os stilettos-patíns ou os patíns-stilettos que eclipsan calquera outra proposta da liña de calzado para o outono-inverno 2017/2018. Un puro delirio ao estilo dos 80.

O 'stilettos' sobre rodas espertan polémica
O debate está servido: extravagancia ou xenialidade?

Lembremos que foi precisamente esa década a que inaugurou o fugaz éxito das roller discos, inspiradas no Xanadú de Olivia Newton-John, e coñeceu a gloria e o ocaso da discoteca por antonomasia: Studio 54 de Nova York.

Anthony Vaccarello conxuga ambas referencias na liña denominada “Anya 100 Patch Pump Rollers”, bautizada así na honra da súa musa por excelencia, a modelo Anja Rubick. Dispoñible en dous modelos distintos, de tacón e de bota, os patíns de YSL destacan polo seu deseño patchwork, a combinación de varios tipos de pel e a decoración con apliques, ourelos en contraste e cristais. Todo moi pop, moi disco. Unha mestura explosiva sobre tacóns de 12 centímetros montados nunha rodiña á que complementan outras dúas na punteira.

O escaso pragmatismo destes stilettos-patíns lévanos a pensar que, quizais, o seu reino non sexa deste mundo, senón do d@s coleccionistas de pezas únicas e extravagantes destinadas a revalorizarse dentro duns cantos anos.

YSL presenta uns 'stilettos' sobre rodas
A provocación de Anthony Vaccarello chega ao calzado

Mentres ese tempo chega, Vaccarello seguirá esquivando críticas e censuras (incluída a do organismo regulador da publicidade en Francia, que a acusou a marca de dar unha imaxe humillante da muller na campaña de publicidade asociada a este calzado) para volver explotar a mina de ouro que para el é a nostalxia do pasado.

@Ce_FerSan | Fotos: Cortesía de Saint Laurent