Pedro Feijoo volve ás andadas (e, canda el, Simón e Mariña)

Presentamos a última novela de Pedro Feijoo

Pedro Feijoo está de volta. E vaia volta. Os fillos do lume tráenos de novo as intrigas, o humor e o sarcasmo do vigués, un dos escritores con máis tirón dos últimos anos… e non só en Galicia. Que podemos agardar desta novela? Calquera cousa menos aburrimento.

Segundo as últimas enquisas do CIS, a economía e o traballo non son xa a única preocupación de boa parte da poboación española. A corrupción chega pisando forte na escala das cuestións que centran a atención xeral. E é normal, despois de case un lustro almorzando, xantando e ceando coa música de fondo dalgún que outro caso de malversación de fondos públicos, tráfico de influencias ou arcas baleiras e presupostos esquilmados.

Que pode ter todo isto que ver cunha sección de libros dunha revista de tendencias? Máis do que en aparencia poderiamos considerar. Sen caer en análises marxistas, semella evidente que, ás veces, a literatura se deixa levar pola actualidade. Tal é o caso de Os fillos do lume (Xerais, 2017), onde Pedro Feijoo aproveita para coarnos no entripado da vida municipal dun Vigo que cheira a sumidoiro.

Despois de seis anos sen ter noticias de Simón e Mariña, o carismático arquitecto e a súa compañeira de aventuras e historiadora da arte que coñecemos en Os fillos do mar (Xerais, 2011), volven pola porta grande.

O seu retorno é pola mellor das causas: sumarse á celebración da Festa da Reconquista, día grande onde os haxa no calendario vigués e a excusa perfecta para argallar unha boa esmorga… ou un asasinato ben calculado. Pode isto considerarse un spoiler? Quizais, pero é imposible obviar o feito desencadeante do miolo da acción de Os fillos do lume.

Porque o comezo desta novela de Pedro Feijoo ten moito de mascletá, coa súa dose de pólvora, ruído enxordecedor e unha enorme traca destinada a deixar ao público coa boca aberta.

Simón e Mariña van somerxéndose na multitude que ateiga a Praza do Sol, que berra, canta e se deixa levar pola paixón da alegría pola alegría e o frenesí xeralizado. Son como un illote, como unha cámara que, desde a distancia, rexistra as condutas alleas e os seus excesos, disecándoos co sarcasmo propio del e a condescendencia dela.

Cando en pleno éxtase soa un disparo que atorda, o clímax queda conxelado e suspendido no tempo e no espazo. Adeus ás gargalladas e á gana de esmorga. É o inicio dunha nova historia.

Detrás do atentado agóchanse cuestións da máis baixa política e, por se a intriga fose pouca, un escuro segredo que entronca coa historia remota da orixe da propia cidade de Vigo. Para sacar todo iso á luz, Simón e Mariña veranse obrigados a manchar as mans co lixo que corre polos sumidoiros da sociedade que os acolle.

Pedro Feijoo recupera os protagonistas da exitosa "Os fillos do mar"
“Os fillos do lume”: a cara B da política e da Historia

Ás veces, a Historia con maiúscula, esa que aparece nos libros e sobre a que se cimenta o sentimento colectivo, ten una cara B – ao igual que os discos – e nunca está de máis escoitala. E a da Reconquista non é unha excepción. Máis aló do retrato dos grandes nomes hai toda unha galería de personaxes que merecen ser contados, desde os corsarios do Areal ata os grupos de alarmas populares.

Pedro Feijoo amósanos que, ás veces, a pomposidade dos fastos do presente e da política-espectáculo eclípsano todo, mesmo as claves do pasado.

Só queda saber se morto o corrupto, acabouse o mal. Porque, como tristemente presume un deses caciques que poboan Os fillos do lume, a historia é d’ “Os que sempre saímos gañando”.

Feijoo, Pedro. Os fillos do lume. Xerais. Vigo, 2017. 499 páxinas.

Foto: xerais.es