Pequeños fuegos por todas partes (aínda) é o libro do momento

Descubrimos a Celeste Ng e o seu magnífico 'Pequeños fuegos por todas partes'

Celeste Ng é unha das autoras mellor valoradas en Goodreads. The New Yorker cualifícaa como “the next big thing” das letras norteamericanas. Pequeños fuegos por todas partes foi considerado como un dos libros de 2017 segundo The Washington Post e Esquire. E, porén, a súa repercusión en España está a ser máis ben escasa. Velaquí o meu tortuoso (e feliz) camiño ata chegar a ela.

Por defecto, debo recoñecer que desconfío das recomendacións literarias de celebrities. Non podo evitalo. Hai algo nesa ansiedade por proxectar unha imaxe intelectual a toda costa que me fai dubidar da súa autencidade. Realmente lles gustou tanto esta ou aquela obra? Ou trátase tan só de publicidade subliminal?

Fai anos, aventureime a mercar unha novela que seica enxalzara Cameron Diaz nunha entrevista. E soou a flauta. Alá por 2016, lin unha recensión de Pequeños fuegos por todas partes asinada por Reese Witherspoon  e volvín sentir ese mesmo impulso de facerme con el. Cando se publicou a tradución ao español (Alba Editorial, 2017), eu xa a tiña reservada. Despois de devorala sen case mastigar, agradezo que Witherspoon puxese na miña órbita esta historia electrizante.

Porque se algo define a segunda novela de Celeste Ng é, precisamente, a carga de enerxía -de inicio, sutil; logo, de alta voltaxe- que bule entre as súas liñas. Son os pequenos lumes que, se ben se materializan nun punto concreto do relato, non deixan de prender metaforicamente ata acadar o seu clímax… de volta na primeira páxina. A crónica dunha traxedia anunciada.

Celeste Ng conquista ao público con 'Pequeños fuegos por todas partes'
As familias e as súas arestas son un tema recorrente nas novelas de Ng

Na perfecta e racional cidade de Shaker Heights, descrita como un lugar utópico onde a bondade semella unha cualidade inherente d@s que a habitan -e que o propio urbanismo reforza conxurando a dimensión menos amable da existencia, como a pobreza-, semella que nada malo pode pasar. Un esquema que se reproduce a escala no fogar da familia Richardson, un modelo de portas para fóra.

E, porén, abondará coa chegada de dúas forasteiras, Mia Warren e a súa filla, Pearl, para que a superficie desa felicidade descasque e faga aflorar dúbidas, resentimentos, ciúmes e outras emocións tan humanas como alleas no seu xogo das aparencias. Esas nómades misteriosas prenderán sen querelo a chama interior que cada un(ha) deles/-as leva dentro.

Nese nobelo de carácteres, o de Izzy resulta especialmente fascinante. A filla menor dos Richardson, unha especie de outsider voluntaria, é pura enerxía fóra de control. É unha Carrie en potencia. É unha ameaza involuntaria. Busca o seu sitio no mundo cando nin sequera cre telo na súa propia familia. E, cunha enorme lucidez, aférrase a Mia para atopalo. Mágoa que a felicidade, en contra das normas non escritas de Shaker Heights, non sempre sexa alcanzable.

Ng, Celeste. Pequeños fuegos por todas partes. Alba Editorial. Barcelona, 2017. 360 páxinas.

Foto: albaeditorial.es