Percorrendo o Círculo Polar ártico

Saímos á procura de Papá Noel polo Círculo Polar

Ao norte do norte, todo o lonxe que a nosa imaxinación poida viaxar, atópanse as terras do Círculo Polar ártico. Repartidas entre varios países, bañadas polas augas xeadas do Océano Glacial ártico, son un desafío só apto para expedicionari@s amantes das condicións extremas. A recompensa? Ser recibid@ por un panorama de beleza sobrenatural. Poñámonos en ruta, Papá Noel e os seres da neve agardan por nós.

Atravesar o paralelo 66º 33′ 39” é deixar atrás o coñecido, as referencias espazo-temporais comúns, e abrirse a unha nova realidade fascinante e inquedante a partes iguais. O polo Norte é o dominio do sol da media noite ou das tebras perpetuas. Nel, o día e a noite fusiónanse, esvaécense. O verán e o inverno altérnanse nun xogo de contrastes que pon a proba a resistencia física e mental de visitantes e residentes.

Rusia, Canadá, Dinamarca, Estados Unidos, Noruega, Suecia, Finlandia e Islandia posúen un pedaciño habitado do Círculo Polar ártico. E nós atravesámolo de banda a banda compilando algúns dos destinos máis curiosos que atopamos nesta rexión extrema.

Tromsø

Situada a 300 quilómetros ao norte do paralelo polar, é a capital non oficial da rexión saami. Esta cidade norueguesa é un pequeno oasis nunha paisaxe polo demais desértica, cuns servizos e comodidades difíciles de imaxinar nesas latitudes.

Tromso é o centro da Noruega do Círculo Polar
Esta cidade é a proba de que o confort non é incompatible co Polo

Ademais de admirar o mantemento das vías públicas e estradas, abertas 365 ao ano, en Tromsø deixaranos sen fala a súa fermosa catedral, icona local. E, xa que estamos na zona vella, por que non visitar a maior colección de arquitectura popular en madeira de toda Escandinavia?

Aínda que, post@s a destacar, nada como as espectaculares aurora boreais que cruzan o seu ceo desde finais de setembro ata marzo. Un verdadeiro espectáculo natural.

Norilsk

A segunda cidade da Rusia polar en número de habitantes (uns 130.000 en 2016), Norilsk é unha parada imprescindible… mais non por unha boa causa. De feito, ostenta a dubidosa honra de figurar entre as dez máis contaminadas do mundo. Perdida en Siberia, no seu tempo acolleu buscadores de metais como o níquel, o cobre, o cobalto ou o carbón. E da explotación mineira deriva boa parte desa polución que volve irrespirable o aire alí.

Tan asfixiante como as condicións de vida d@s pres@s do tristemente célebre Norillag, un centro de reclusión (os famosos gulags) onde faleceron milleiros de disidentes do réxime soviético. Unha terra prohibida que xera un morboso interese n@s viaxeir@s.

Sisimut

Casas de madeira apertadas nunha rea para combater unha contorna xeada case a perpetuidade. Sisimut ofrécenos a estampa de postal que andabamos a buscar no Círculo Polar ártico. Chegar a esta rexión de Groenlandia non é doado, mais paga a pena tentalo. Os edificios pintados con vivas cores desafían as condicións climáticas, salpicando as beiras dun fiordo que se adentra maxestuoso no océano de xeo.

Barrow

Alaska é ese estado norteamericano inconexo, perdido da civilización, refuxio de aventureir@s e tumba de pioneir@s. Por iso sorprende descubrir que no seu territorio costeiro garda un tesouro natural maior que ningún xacemento de ouro. A localidade de Barrow, a uns 200 quilómetros do Polo, mira ao norte e recibe o azoute do vento e dunhas temperaturas que só superan os 0º durante trinta días ao ano.

O Círculo Polar ártico tamén colle parte de Alaska
A barreira de xeo de Barrow, reclamo turístico

E, malia iso, a súa caracteristica barreira de xeo está a derreterse lentamente. Equipos de meteorólog@s fanlle un seguimento exhaustivo, pois o seu estado é o triste termómetro do cambio climático que sofre o planeta.

Rovaniemi

Viaxar ás terras do Círculo Polar ártico e non deterse a visitar a turística morada de Papá Noel sería unha verdadeira aberración. Por iso, gardamos esta parada para o final do traxecto.

Rovaniemi é, xunto con Tromsø, a cidade que máis viaxeir@s recibe dentro da rexión polar. Poida que as excelentes comunicacións axuden, pero o factor determinante é, sen dúbida, o enorme reclamo que o Santa Park supón.

Iso si, non só do Nadal vive esta localidade finesa. A crecente e imaxinativa oferta turística, baseada na posta en valor da natureza, atrae xente ao longo de todo o ano.

Máis info: visitnorway.es / visitrovaniemi.fi / travelalaska.com

@Ce_FerSan