Plans para unha fin de semana literaria en Barcelona

Damos un paseo polo circuíto literario de Barcelona

Co turismo convencional -ese de guía en man e autobús convertible- en plena crise existencial, a clásica escapada a Barcelona para visitar a Sagrada Familia, o parque Güell e o Camp Nou cheira xa un chisco a naftalina. Porque vai sendo tempo de actualizar itinerarios e nada como os libros para inspirarnos, percorremos a capital catalá á busca de incentivos literarios. O reto? Concentralos nunha única fin de semana, a de Sant Jordi.

Hai poucas épocas do ano tan proclives á lectura como o mes de abril, e poucas cidades máis indicadas que Barcelona para cultivala. Declarada cidade da literatura pola UNESCO en 2015 en recoñecemento ao peso das letras no seu sector cultural, as súas rúas, os seus barrios e a idiosincrasia d@s que a habitan son protagonistas -directos ou indirectos- dunha infinidade de obras.

Como o parque da Ciutadella e Montjuïc, que Eduardo Mendoza describe con mestría en La ciudad de los prodigios. Ou o distrito de Ciutat Vella, tan relevante no súper vendas de Ruiz Zafón, La sombra del viento. Seguro que lendo La catedral del mar, de Ildefonso Falcones, sentiches unha inmensa curiosidade por visitar a basílica de Santa María del Mar. E que Sonsoles Ónega che fixo viaxar en Después del amor ata os convulsos anos da II República no seo da boa sociedade barcelonesa.

Barcelona celebra o amor e os libros cada 23 de abril
A literatura está no aire en Barcelona, sobre todo en Sant Jordi

Tantas e tantas referencias ás que seguirlles a pista e que son o xerme de innumerables rutas literarias estacionais ou permanentes. Entre as primeiras, “De Marsé a Mercè, del Carmel al Guinardó” (21 de abril), un paseo polas paisaxes urbanas das obras de Juan Marsé e Mercè Rodoreda, célebres contistas da Barcelona contemporánea. Como tamén o foi antes, desde a súa ollada foránea, George Orwell, cuxo paso pola capital é o eixe dun percorrido polas Ramblas. Ou o propio Miguel de Cervantes, outro namorado da cidade. Seguir os pasos de don Quixote e Sancho Panza por ela é posible, camiñando polo barrio gótico e achegándose ao porto, alí onde unha vez os dous anti-heroes admiraron o Mediterráneo.

Mais non todo ha de ser pasear pola rúa. Porque, como afirmaba Virginia Woolf, “non se pode pensar ben, amar ben, dormir ben se non se comeu ben”, en Barcelona está a xurdir un curioso e saboroso modelo de negocio que mestura libros e restauración. Cafés e restaurantes ao servizo da causa literaria.

Cafetarías ideais para ler

Malia que o costume das tertulias de literat@s caese en desuso e os bares xa non presuman d@s autores/-as que os frecuentan (futbolistas ou estrelas da televisión son agora o reclamo), hai cafetarías que levan no seu ADN convidarnos a desfrutar dun bo libro nun recuncho relaxado. Le Standard Bar, no barrio de Gràcia, leva esta pretensión ao extremo. Decorado como un salón kitsch ao estilo Cuéntame, na súa programación cohabitan literatura, exposicións, cócteis, cine e… tuppersex!

Velaquí algúns bares de Barcelona onde poderás ler ao teu allo
A inquietante decoración de Le Standard é parte do seu encanto

Igual de exótico -aínda que cun punto menos de vontade transgresora- é Cosmo Café, galería de arte de teitos altísimos e paredes inmaculadas esgazadas por tubos de refrixeración en vermellos sangue.  Entre as especialidades do local, nachos, hummus e zumes dignos dos padais hipster máis cultivados. Un concepto nada presuntuoso para unha sesión de lectura desenfadada no Eixample.

Aínda que se de sinerxías se trata, ningunha tan obvia como a da cafetaría-libraría Babèlia – Books & Coffee (rúa Villarroel). Entre tés, cafés, viños e cervexas (mención á parte merece a repostaría), descubrirás un envexable stock de narrativa plurilingüe de segunda man.

Restaurantes literarios

Para algo máis que un grolo entre libros, nada como pasar por un dos “libretantes” tan de moda en Barcelona. E é que xa hai unha manchea de editoriais que apostan por espazos gastronómicos para redondear a súa oferta. A pioneira foi Malpaso (na esquina entre as rúas Girona e Diputació de Barcelona), que desde 2015 tanto acolle presentacións de autores/-as como permite botarlle unha ollada ás súas novidades. Todo iso, entre delicias mexicanas.

Malpaso foi pioneira nos restaurantes de editoriais en Barcelona
O restaurante de Malpaso honra as orixes mexicanas do seu fundador

“Ter un restaurante aporta visibilidade e serve tamén para os teus actos”, confirma Oriol Figuera, portavoz de Norma Editorial. O seu Glups! (paseo de Sant Joan) é outro bo exemplo da maridaxe entre literatura e gastronomía, banda deseñada e street food.

Escenarios de novela, rutas literarias, petiscos con aires intelectuais e maratóns de sinaturas nas casetas que anegan as Ramblas: puro alimento para o pensamento. 

Máis info: ajuntament.barcelona.cat / meet.barcelona.cat / ajuntament.barcelona.cat

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @casabatllo, @judithrequena, @lestandardbcn, @malpaso_restaurante