Plastic people: o eterno retorno dos chuvasqueiros de PVC

Burberry renova as súa sgabardinas cun toque de PVC

“Life in plastic is fantastic!”, dicía aquel exitazo de Aqua que tanto cantaruxamos nos 90. E, como se nos anegase a nostalxia daquela oda ao artificio, esta temporada abrazamos con alegría este material sintético na súa acepción máis pragmática. Volven aos nosos roupeiros os chuvasqueiros de PVC, e fano cunha consigna clara: non deixar lugar á imaxinación.

En pleno boom da confección sostible e responsable, a industria dálle a benvida a unha tendencia de signo oposto. Fronte aos tecidos reciclados ou con menor impacto medioambiental, vivimos un revival do plástico que se materializa en prendas moi diversas. Saias, botas por enriba do xeonllo, pantalóns cinguidos e cazadoras adáptanse as súas regras. E sobre eles -literalmente-, gabardinas e chuvasqueiros de PVC transparentes.

Chanel fai do PVC o seu material estrela para a P/V 2018
Atrévete a apostalo todo ás transparencias plásticas

Para pasaren desapercibidos? Por suposto que non! Para que poidamos moldealos, adaptalos, mesturalos e combinalos ao noso antollo. Porque, sen seren apenas visibles, conseguen atraer todas as olladas ao seu paso.

Ben pensado, se o tule, o plumeti e as gasas son imprescindibles en vestidos, blusas e conxuntos de inspiración bohemia e reminiscencias do ballet nas coleccións de Dior, Miu Miu, Chanel, Valentino ou Giambattista Valli, o xogo da insinuación estaba tardando en estenderse ao resto do vestiario.

Calvin Klein foi o primeiro en recuperar as gabardinas de PVC
Os blogs de estilo conteñen propostas de todo tipo para vestir o PVC

Levamos anos paseando pola rúa con bolsos de man, cestas ou mochilas translúcidos, diáfanos, expoñendo aos ollos d@s estrañ@s unha pequena parcela da nosa intimidade. Así que, despois de termos atravesado esa liña imaxinaria, non hai pudor que nos impida armarnos de chuvasqueiros de PVC que nos protexan de calquera bategada traizoeira, por moito que nos deixen á intemperie do xuízo estético alleo.

Ao mal tempo, boa cara. E que ningunha borrasca eclipse un outfit espectacular obrigándonos a agochalo debaixo dun abrigo. A cobertura de plástico acode ao rescate!

Un dos primeiros en anticipar este novo culto á plastificación foi Calvin Klein, que inaugurou a etapa de Raf Simons á fronte da marca con abrigos de peluxe -un must do inverno de 2017- e gabardinas de estrutura clásica recubertos por unha película transparente.

Calvin Klein recupera para a causa o PVC
Quen dixo que o plástico fose vulgar?

Unha fórmula que tomaron prestada en Burberry para darlle un xiro de actualidade ás súas icónicas prendas. Respectando o corte orixinal, Christopher Baley pechou a súa etapa como director creativo da firma británica substituíndo o clásico algodón e os cadros escoceses por gabardinas artelladas en dúas capas. Cores pastel e plástico translúcido para un resultado nada convencional.

A marca de gabardinas clásicas Burberry tamén  experimenta co PVC
Renovarse ou morrer: Burberry pásase ás gabardinas de PVC

O rei da transgresión, Demna Gvasalia, elimina todo afán de sofisticación do plástico, optando por enxalzalo na súa literalidade. Na súa colección masculina para a primavera / verán 2018 de Balenciaga, aposta por chuvasqueiros de PVC como complemento para conxuntos de anódinos polos e pantalóns. Puro normcore aplicado.

Chuvasqueiros de PVC e luxo, xuntos en Balenciaga
Gvasalia dálle unha volta de porca á roupa de diario, elevándoa á categoría de luxo

Desterrada a idea de que o plástico é incompatible coa época estival -quen dixo calor!-, Chanel apúntase á tendencia con cautela. Para unha primeira aproximación, abondan as capiñas transparentes -pouco máis que unha touca- sobre traxes de dúas pezas no característico tweed da maison.

E se chove, que chova!

Chanel inclúe capas e sombreiros de PVC
Lagerfeld réndese á fascinación polo plástico en pequenas doses

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @burberry, @chanelofficial, @mrsrodial, @calvinklein, @burberry