Playlist para un San Valentín… diferente

Poñémoslle banda sonora a San Valentín

Flores. Bombóns. Moreas de frases románticas e ceas á luz das candeas. Que lle falta á fórmula para un San Valentín de cinco estrelas? Unha banda sonora á altura.

Xa choveu desde que as míticas Galerías Preciados se autoproclamaran apóstoles do romanticismo e tentaran de nos convencer de que o amor, se é cun regalo na man, sempre sabe mellor. Se ata a mesmísima Marilyn -elevada a musa da sensualidade- dicía aquilo de que os diamantes eran para toda a vida! E tan ben resultou a propaganda que a maquinaria comercial non deixou de se perfeccionar ao longo das últimas décadas. No mercado do amor, o carro da compra para San Valentín leva agora non só as clásicas xoias, senón tamén ramos de rosas, tarxetas con forma de corazón ou unhas copiñas de champaña. Lencería fina, colonias varonís, ceas para dous e fin de festa.

E que sería de tanta posta en escea sen unha boa presa de cancións que a ambienten? Dito e feito: non hai discográfica que non conte polo menos cun recopilatorio especialmente pensado para espíritos namorados que queiran poñerlle a guinda a unha cita tan agardada. Como se ao compás de Kenny G., de Whitney Houston ou Marvin Gaye a paixón fluíse mellor. Pero nin calquera peza lenta vale para conquistar nin tod@s entendemos o amor da mesma maneira.

Se es d@s que fai tempo que descubriron que Sexual Healing está algo lonxe da idea común de letra romántica e andas buscando una banda sonora alternativa coa que festexar ou maldicir a data con máis zucre do calendario, non te sintas rar@. Imos cantarlle ao amor nas súas múltiples dimensións. E tamén ao desamor, que non é máis ca unha fase máis nas relacións persoais.

  • Amor… propio

A quién le importa, de Alaska & Dinarama

Dicían @s greg@s antig@s aquilo de “coñécete a ti mesm@”, o que vén a significar que a felicidade non hai que buscala só nos demais, senón en nós. Porque para gozar de relacións satisfactorias, hai que comezar por aprender a quererse ben. E para leccións de estima cun pouso de chularía, nada mellor que recorrer a un dos clásicos de Alaska & Dinarama, todo un himno ao amor propio. Nota: un pouco de flexibilidade tampouco vén mal á hora de tratar coa xente, que non pasa nada por ceder un chisco, só un chisquiño.

  • Amizade ou o que xurda

Purple Rain, de Prince

Namorarse dun amigo ou dunha amiga: típico tópico. Así que que tire a primeira pedra quen non sentise algunha vez como a amizade evolucionaba en bolboretas no estómago e tatabexos incontrolables. Iso si, o namoramento non ten por que ser mutuo e ás veces os sentimentos quedan no tinteiro. Algo así debeu de acontecerlle a Prince, que con Purple Rain asinou unha das súas mellores cancións ao amor frustrado. Ou se non como se explica iso de “Nena, nunca podería apartarte de outro; mágoa que a nosa amizade teña que rematar”?

  • Paz e amor

Imagine, de John Lennon

Poida que pensemos que o tempo dos hippies pasou, mais a realidade esfórzase por demostrarnos o contrario. Se a súa estética relaxada e colorista segue viva a través do estilo boho-chic, a mentalidade pacifista non perdeu nin chisco de vixencia. E porque o amor é algo que trascende fronteiras e barreiras temporais, recuperamos o himno por excelencia á fraternidade: Imagine. O Lennon máis auténtico deixounos como legado esta mensaxe de paz e reconciliación, de esperanza para un futuro no que tod@s sexamos mellores. Chapeau!

  • (Des)amor de nai

Nothing Compares 2 U, de Sinéad O’Connor

E no medio de tanta canción de amor, velaquí unha de desamor. Sinéad O’Connor, aquela raíña da provocación á que nin mil anos de twerking lle farán sombra, entregábase ao masoquismo de ir levando a conta dos días que pasaran desde que fose abandonada. Pero ollo!, que por moito que a letra sone á típica historia de mozo deixa a moza e moza laméntase, hai quen cre que Nothing Compares 2 U é unha homenaxe ao (des)amor materno-filial. Por orixinal, nós apuntámonos a esa lectura. Á fin e ao cabo, xa din que nai non hai máis ca unha.

  • Amor a segunda vista

La fuerza del destino, de Mecano

Adornar un pouco a historia de como coñecemos á nosa parella non conta como mentira. Digamos que é algo socialmente aceptable. Aquilo de mirarse aos ollos e sentir unha conexión instantánea, verse ao lonxe na barra dun bar e notar un intenso calafrío, saír de troula en grupo e quedar illad@s nun curruncho falando durante horas… Na vida real a cousa cambia, e aí tiñamos a Mecano para lembrárnolo cunha boa dose de sinceridade. Tempo lles levou renderse ao pouco encanto daquela beleza cubista, eslamiada e con corpo de adolescente, mais a forza do destino acabou gañando.

Estas son só cinco das cancións incluídas na nosa playlist alternativa para San Valentín. O resto agárdavos en Spotify, así que dádelle ao botón de reproducir ou subscribídevos a #SanValentínCoolt. Mesturamos clásicos con temas contemporáneos nos que o amor, sexa ao que sexa, é o protagonista. E todo iso sen incluír a Adele. Nin a Whitney Houston. Nin a Pablo Alborán.

@Ce_FerSan