Ponte en forma… dando chimpos

O exercicio de moda é dar chimpos

O fitness estilo millennial non entende de límites. O máis extremo ou diferente (véxase estraño) é o que calla entre o público. Todo vale con tal de saír da monotonía do ximnasio tradicional e, de paso, presumir de orixinalidade. Se o teu soño da infancia era dar chimpos sobre un colchón inchable, agora poderás cumprilo sen ter que agocharte. Coñece o jumping, a disciplina de moda para estar en forma.

O chamado “jumping fitness” chega en dúas versións, e cada unha dela ten o seu propio encanto. A máis estendida é a que se practica en instalacións especialmente pensadas para iso, dentro dun ximnasio. Consiste en saltar sobre unha cama elástica individual con forma hexagonal e unha barra curta á altura do peito a xeito de guiador para suxeitarse.

Esta variante realízase en sesións grupais, con música de fondo e a supervisión dun(ha) monitor/-a. Consiste nunha combinación de chimpos rápidos e lentos, mesturados con outros pasos aeróbicos tradicionais e sprints. É algo así como o aerobic do século XXI.

O "jumping" ten dúas variantes ben atractivas
No ximnasio ou na casa, por que non te animas a dar chimpos?

Por outra banda, está o jumping a secas. Se o anterior modelo está ligado á disciplina das clases, este é pura liberdade. Tomando como referencia as rutinas de adestramento de deportes como o boxeo ou as artes marciais, pon en valor o salto á corda como actividade de mantemento. O xogo infantil vese así elevado á dignidade de tendencia en fitness.

Prepárate para o jumping

Coas súas reminiscencias da infancia, esta disciplina deportiva soa ben divertida. Pero, ollo!, iso non quere dicir que non sexa esixente. Mais o esforzo, acompañado cunha banda sonora á medida e con compañía, é máis levadeiro. A superficie elástica coa que se practican os chimpos no ximnasio actúa amortecendo o impacto, polo que a sensación de cansazo tarda en aparecer.

Para optimizar as sesións de jumping, recoméndase usar unha indumentaria adecuada. É esencial, por exemplo, usar zapatillas lixeiras (como as de running) coa sola grosa e roupa axustada ao corpo para evitar rozaduras.

Os chimpos son a rutina de moda nos ximnasios
Se aínda conservas as cordas de saltar, dálles uso

Vantaxes de exercitarse dando chimpos

Un recente estudo publicado pola Universidade Friedrich Schiller de Jena (Alemaña), revelaba que o jumping pode contribuír a queimar ata un 24% máis de calorías ca correr. Mais esta forma de exercitarse non só se aplica ao control do peso. Entre os seus múltiples beneficios, destaca: a mellora dos reflexos e da coordinación man-ollo, o aumento da capacidade cardíaca e pulmonar, ou o traballo de resistencia que conleva. Dar chimpos require, como exercicio composto, a activación dunha gran cantidade de músculos, polo que axuda ao mantemento do corpo no seu conxunto. E ao facelo sobre un colchón, diminúe o risco de sufrir lesións articulares. O cerebro tende a asociar os saltos con emocións positivas, polo que desencadea a xeración de endorfinas e permite liberar tensións. E facéndoo nun espazo público, serve ademais como motor de socialización.

Hai quen apurou a bautizar esta disciplina como “o novo running“, e iso son, sen dúbida, palabras maiores.

@Ce_FerSan