Por que quere Pantone® que 2018 sexa ultravioleta?

Pantone quere visibilizar a loita feminista coa cor ultravioleta

Que poden ter en común personaxes tan dispares como Prince, Rihanna ou as sufraxistas de primeiros do século XX? O gusto pola música? As súas inquedanzas ideolóxicas? Frío, frío. En realidade, o fío que @s une é moito máis sutil e circunscríbese á importancia que tod@s lle outorgaron a unha mesma cor no seu discurso estético. Son fill@s do ultravioleta e do seu simbolismo, e neles/-as se inspira Pantone® para facer deste o ton de 2018.

Atrás quedaron os tempos en que o Pantone Colour Institute emitía os seus ditames sobre a cor do ano en cuestion á luz do anticipado polas pasarelas e as consultorías de moda. O gran referente mundial na materia dá un golpe de autoridade e reivindica o seu papel non só como testemuño das tendencias, senón como estímulo para a súa xeración. Porque, como afirma Laurie Pressman, vicepresidenta da institución,

a cor do ano Pantone adquiriu un significado que vai máis alá do que “está de moda” no mundo do deseño; é realmente un reflexo do que precisa o noso mundo hoxe.

A cor oficial de 2018 é o ultravioleta
O ultravioleta é máis que unha cor de moda

E posto que unha nova -quizais a definitiva?- revolución feminina está en marcha, que mellor xeito de sumarse á causa que promovendo o uso neste 2018 dunha tonalidade cargada de intencionalidade “empoderadora”: o ultravioleta.

Para iso, nada como somerxerse na memoria da cor e rescatar algúns dos significados ligados ao seu uso histórico. Asociada á vestimenta das máis altas dignidades (realeza e alto clero), durante séculos foi un sinal de status. Definido agora como un matiz do púrpura de carácter provocativo e estimulante, que evoca a individualidade e a espiritualidade, posúe tamén un pouso místico que entronca cos misterios do universo e o descoñecido.

Pantone® quere facer dela a cor da orixinalidade, da inventiva, do pensamento pioneiro e do inconformismo, valores que proxecta sobradamente Rihanna, convertida na musa contemporánea do ultravioleta. A súa particular visión e o seu xeito de desafiar os límites inspiran e mobilizan a toda unha xeración, e, tal e como Pressman subliña, ese estímulo precisa dunha cor que lle sirva de bandeira.

Rihanna é unha das inspiradoras da cor Pantone 2018
Rihanna, referente do Pantone Colour Institute

Grazas á iniciativa do Pantone Colour Institute, en 2018 volven á vida os estandartes que portaban as sufraxistas británicas nas súas manifestacións, dun violeta brillante que rivalizaba coa cor da realeza e que simbolizaba “o sangue real que corría polas veas de cada sufraxista, o instinto de liberdade e a dignidade”, segundo apuntaba a activista e editora do xornal feminista Votes for Women Emmeline Pethick-Lawrence.

A cor ultravioleta estaba moi presente no discurso sufraxista
As insignias das sufraxistas eran de cor violeta, mais tamén verdes e brancas

Na hora do activismo fronte á violencia física ou emocional contra as mulleres, da loita pola equiparación de salarios e pola implantación de políticas que contribúan á igualdade non utópica, a cor do ano Pantone® non podía ser máis acaída. De fondo, que siga soando a eterna Purple Rain de Prince.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @pantone, @badgalriri, @phmshop