Precisas excusas para unha escapada ao País Vasco francés?

O País Vasco francés está cheo de xoias

O País Vasco francés é algo así como as nosas terras da Raia: un territorio de fronteira onde o sangue se confunde, as linguas se intercambian e a cultura se expande máis alá dos lindes xeográficos. Internarse do lado de Francia de sentir o pulso do xeito de vida e da mentalidade vasca en cada recanto, gozar dun anaco do país veciño que compite en orgullo co chauvinismo centralista de París…: a experiencia de visitar o País Vasco francés é das que deixan pegada. Entre dúas augas -ou, máis ben, entre dúas administracións-, atopamos o encanto dunha mestizase moi particular e demostramos que non só é reclamo para surfeir@s.

Se algo define este recundo ao sur da rexión de Aquitania é a súa identidade caleidoscópica. Poucos lugares poden presumir a un tempo de seren sofisticados, cosmopolitas e mesmo exclusivos, e tradicionais e mariñeiros. E, sen embargo, no País Vasco francés irmándanse, por exemplo, a arquitectura rural, cos seus casaríos impoñentes de paredes brancas e contras vermellas, cos delirios de Belle Époque e os centros de reunión da alta sociedade de antano.

Para coñecer a zona e apreciar as impresionantes paisaxes, o máis recomendable é optar por unha fórmula de turismo clásico case en desuso: as viaxes en coche por estradas secundarias. Vantaxe? O pracer de conducir á beira do Océano Atlántico. Inconvinte? Poida que ducias de persoas teñan a mesma idea, polo que os atascos son frecuentes. Paciencia!

Malia que linda tamén con Navarra, a entrada por antonomasia ao País Vasco francés está en Hendaye. Situada a uns 21 quilómetros de San Sebastián e consolidada como un dos polos de talasoterapia en Francia, paga a pena facer unha parada nesta localidade. A sona da súa praia (a máis longa desta costa) é só comparable á de Hondarribia, no lado oposto da fronteira. É un escenario privilexiado para iniciarse no surf, baixo a impoñente supervisión das Xemelgas, dúas rochas que se erguen nun dos seus extremos.

A praia de Hendaye atrae fans do surf
Hendaye é unha das mecas europeas do surf

Á beira do mar, sobre os cantís, agarda outro espectáculo: o castelo neogótico que o arquitecto Viollet-Le-Duc deseñou cara 1870 para o científico Antoine d’Abbadie. Se o exterior é impresionante, o interior non desmerece, pois aínda conserva o particular universo do excéntrico visionario francés.

Continuando a ruta costeira -e deixando atrás Getaria, refuxio de celebrities como Madonna-, a 12 quilómetros atopamos Saint Jean de Luz, un pobo cheo de curiosidades. As súas rúas semi-peonís foron testemuño mudo do casamento do rei Luís XIV e María Teresa de Austria no século XVII e das aventuras vacacionais da aristocracia inglesa no XIX. Hoxe, o seu principal atractivo reside tanto na gastronomía local (galletas mouchousy e kanougas de chocolate, sopa de pescado ttoro, atún à la luziene, e, sobre todo, os universais macarons) como na vista dos palacetes dos antigos armadores vascos, símbolo da prosperidade da vila noutro tempo.

Saint Jean de Luz é a perla do País Vasco francés
O porto é un dos puntos con máis encanto de Saint Jean de Luz

Pero para somerxerse de verdade nesa nostalxia do pasado, nada como poñer rumbo a Biarritz. Lugar de veraneo dos nobles do século XVIII en diante, os espectaculares edificios que sementan a costa contrastan coa orixe humilde deste porto baleeiro. Foi sen dúbida a emperatriz Eugenia de Montijo quen lle deu o empurrón definitivo, facendo de Biarritz o centro do luxo e o bo gusto. Na súa honra, érguese sobre o porto pesqueiro a igrexa de Santa Uxía (s. XIX). Mágoa que a residencia da emperatriz e Napoleón III fose convertida no actual Hotel Le Palais by Belmond.

Mais se de nomes célebres asociados á historia moderna de Biarritz se trata, é obrigado mencionar a Gustave Eiffel. O arquitecto foi o responsable da construción da pasarela metálica que aínda hoxe conecta terra firme coa Rocha da Virxe, un penedo coroado por unha imaxe sagrada desde 1865. Unha visita imprescindible.

A praia de Biarritz, destino surfeiro e luxoso
Biarritz aínda garda parte do esplendor pasado

Un mergullo na praia de Côtes des Basques como preludio a unha sesión de surf afeccionado ou un paseo pola beira do mar ata o faro son o mellor xeito de poñerlle o punto e á parte a esta viaxe. Bayonne, Sare, Ainhoa ou Espelette terán quedan para a próxima escapada ao País Vasco francés.

Máis info: guide-du-paysbasque.com / pirineosatlanticos.com / terreetcotebasques.com

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @guidedupaysbasque, @killianportevin, @jessontheflex, @yumishappy