Presentámosche o poke, herdanza foodie de Obama

Desde Hawaii, chega a paixón polo "poke"

Se Michelle Obama será lembrada -entre outras moitas cousas- polo seu activismo en favor dun xiro saudable na dieta norteamericana media, a influencia gastronómica do seu cónxuxe non é menor. Para os anais das tendencias, quedará xa o que foi declarado oficialmente o prato estrela de 2016 en Nova York: o poke. Comeza a súa imparable expansión internacional.

A estas alturas da película, ninguén ousará xa cuestionar que calquera novidade alimentaria que pretenda acadar o status de paixón global ten que superar con éxito o test de atracción visual. O ser fotoxénico é hoxe un dos criterios con maior relevancia á hora de avaliar, consagrar ou rexeitar propostas gastronómicas. Comemos cos ollos e a mentes posta en Instagram, así que é de supoñer que se o poke (pronunciado “poh-kay”) está a dar que falar é porque -ademais de ser un prato digno da mesa presidencial por excelencia- é bonito. E éo, por suposto.

Orixinaria de Hawai, esta ensalada fría foi concibida en realidade como un xeito de recuperar para a causa os restos de peixe non consumidos ao longo do día. Pura economía doméstica. Postos a macerar en distintos prebes e cortados de xeito estratéxico (a propia palabra significa “sección” ou “corte”), servían para un petisco tardío.

O "poke" é tendencia este 2017
Este prato típico de Hawai admite numerosas elaboracións

Por influencia xaponesa, o poke foise abrindo a outros ingredientes e sabores. Na actualidade, a receita máis común é a de atún, en pequenos cubos, seguindo a técnica tradicional. Tamén admite polbo (tako poke), salmón e diversos tipos de sashimi ben picados. E todo iso sobre unha base de arroz (proba do xiro oriental deste prato). Porque o poke que foron popularizando a xente da costa e @s amantes do surf é unha variación de tres elementos fundamentais: arroz branco, peixe cru por enriba (aderezado con salsa de soia, por exemplo) e un topping de case calquera ingrediente (algas, aguacate, cogombro, ceboliña, sésamo, verduras en conserva, ovas de pescado, etc.).

A especial relación d@s fans do surf coa cultura de Hawai fixo que este prato fose estendéndose pola costa do Pacífico, botando raíces en California. De aí, o poke deu o chimpo á restauración para as masas. Locais como La Pagoda, Duck and Sushi ou Sweet fin Poke son verdadeiras autoridades na materia.

Obama é un dos maiores fans do "poke"
Tal é o seu éxito que xa existe en formato para levar

Cos padais acostumados ao peixe cru grazas ao sushi e ao ceviche, o poke vén satisfacer a ansia de exotismo gastronómico e de novidades do público. O feito de que se sirva en cuncas e combine elementos de cores ao xeito dun arco da vella non é unha cuestión menor na excelente acollida que está a ter. Hai quen afirma que a cunca en si é unha tendencia, todo un valor engadido. E que as ensaladas servidas desta maneira son, en definitiva, os bodegóns modernos.

Desde o punto de vista nutricional, o poke é unha opción excelente, pois “consumir crus alimentos como o peixe ou as algas favorece unha maior absorción de ácidos graxos “poliinsaturados” como o Omega 3″, explica a psicóloga nutricionista Itziar Digón.

Kate Hudson, Megan Fox ou Seth Rodgen decláranse incondicionais del. Agora desembarca no noso país a través de restaurantes como Poké Maoli, a nova sensación foodie da Barceloneta (Barcelona).

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @pokebowlnyc, @mainlandpokeshop, @make.fish