Promesas e realidades da fotografía de moda e artística

Denia Priegue representa a fotografía de moda galega

Con “degustacións fotográficas”, da man do mesmísimo Mario Testino, con creatividade e sobre todo, orixinalidade, unha nova xeración de profesionais da fotografía está despuntando en Galicia (e fóra).

Non fai falla cruzar o Océano para atopar talentos patrios que destaquen no panorama fotográfico internacional. E é que a Annie Leibovitz, Patrick Demarchelier, Peter Lindbergh e compañía teñen na nosa terra unha crecente competencia, que se está abrindo paso nun universo tan complexo e difícil como é o da fotografía de moda.

A fotografía de moda medra en Galicia
Unha das últimas portadas fotografadas por Aitor Santomé

Nacido Cangas, aínda que afincado en Londres, atopamos, por exemplo, a Aitor Santomé. Confesa que se sentiu atraído pola arte de plasmar a realidade desde moi novo, e que adoraba a estética das revistas de moda. De aí que abandonase Galicia para estudar en Madrid, onde Mario Testino (un dos grandes da profesión,  adorado por celebrities como Kate Moss) propúxolle formar parte do seu equipo. Da man do peruano, Santomé está considerado hoxe en día como un dos fotógrafos máis talentosos do sector. Para el posaron desde Naomi Campbell ata Alba Galocha, pasando por Florence Welch ou Yasmin Le Bon;  sendo publicado en cabeceiras do prestixio de Harper’s Bazaar, Love e Vogue.

Precisamente con esta última revista colaborou tamén o tándem de Boquerón á Feira. Esta parella -metade galega, metade andaluza- formada por Nuria Sambade Nieto e Javier Díaz Matos conseguiu conquistar coa súa combinación de frescura e orixinalidade a biblia da moda na súa versión española. A súa representación da voda dos Mr. e Mrs. Fox do conto de Roal Dahl baseada na estética da película animada de Wes Anderson  -e o fashion film correspondente- mereceron o favor da revista. Todo un recoñecemento público a un traballo que se adapta a cada padal, no que eles mesmos chaman “degustacións fotográficas”.

Boquerón á Feira representa a nova fotografía galega
De ‘Vogue’ España ao ceo: a fotografía de vodas tórnase creativa

Porque se algo hai no panorama galego actual é unha gran variedade para saborear. Fotógrafas como Noel Queipo (que vai estar traballando no Festival de Cans 2017, e cuxa estética aposta pola abstracción e a imaxe artística), Denia Priegue (especializada en fotografía de moda e que inmortaliza a bloggers como Cuca Oliveira ou Descalza por el Parque) e Rocío Durand (cuxa fotografía de moda fuxe de convencións, apostando por un minimalismo sui generis e escenarios urbanos) forman parte da canteira galega. E é que o made in Galicia cotízase máis á alza que nunca no universo fotográfico.

Coñece outra promesa da fotografía galega
‘Normcore’ e moita actitude son os sinais de identidade de Rocío Durand

María Losada @MariaLosada_ | Fotos: Instagram @deniapriegue, @aitorsantome, @boqueronafeira, @_rociodurand