Propostas literarias para levar mellor a volta á rutina

A medida que se aproxima a fin das vacacións, e o traballo ou o estudo aparecen de novo no horizonte inmediato, vaise apoderando de nós un familiar sentimento de angustia. Despois dun período de descanso máis ou menos prolongado, o regreso á rixidez do acostumado supón un desafío psicolóxico -e mesmo físico-. As temporadas post-vacacionais son fases de readaptación á rutina, para o que @s especialistas recomendan técnicas de relaxación e control da ansiedade como a práctica do ioga, o cultivo do mindfulness ou o recurso aos populares cadernos para colorear.

Seguir tirando proveito do lecer e reservando un tempo para as nosas afeccións á marxe das obrigas diarias é tamén crucial para xestionar con éxito os cambios que se aveciñan. Ir ao cine, gozar dun serán agradable con amig@s ou ler un libro pódense revelar como a mellor das terapias para combater o desánimo despois das vacacións.

Se andas curt@ de inspiración, velaquí algunhas propostas literarias que che axudarán a facer da volta á rutina toda unha aventura. Prepárate para unha evasión mental con letra maiúscula.

Los días de la peste

Poida que o feito de que estea ambientada nunha prisión abonde para espertar a túa curiosidade. A fin de contas, o subxénero carcerario é sinónimo de thrillers con altas doses de intriga, dramas persoais e violencia; recursos capaces de manternos sen alento durante 300 páxinas. Mais esta novela de Edmundo Paz Soldán supera con moito calquera idea preconcibida. Los días de la peste é a sublimación de todos eses clixés para darlle forma a unha historia intensa, crúa, contada de xeito coral por unha trintena de voces narrativas.

Volver á rutina é menos duro cun libro
A prosa de Edmundo Paz Solán é tan atípica como fascinante

O cárcere que recrea Paz Soldán (sensación da literatura boliviana e bendicido polo favor de Vargas Llosa) é un microcosmos, unha entidade viva que por momentos semella ter vontade propia. Nela bailan o poder e a violencia, nun descenso aos infernos que poñerá a túa resistencia. Chegar ao final paga a pena.

Paz Soldán, Edmundo. Los días de la peste. Malpaso. Barcelona, 2017. 352 páxinas. 

Demos de verán

A tranquila rutina do policía xubilado Doroteo Acuña é posta patas arriba pola chegada dunhas enigmáticas postais desde Roma. O remitente é o seu vello amigo Francisco Bouzón, e a súa simple presenza abonda para remover un pasado ao que Acuña nunca quixera ter que volver. A súa amizade con Bouzón remóntase aos tempos do ditadura franquista, cando o xornalista ambos colaboraron na investigación dun críptico suceso nunha vila mariñeira da costa galega. Case corenta anos máis tarde, veñen de aparecer de novo en escena tres dos implicados.

Esta é unha novela ideal para animar a rutina
O pasado sempre volve, e esta novela é a proba

É casualidade que o fagan en Roma? Doroteo Acuña será o encargado de descubrilo, obrigado a saír do seu retiro para rematar o que catro décadas antes quedou pendente. Un vello papiro, unha posible conxura política e relixiosa e algúns compoñentes esotéricos son as pezas do crebacabezas que deberá compoñer. Ao seu carón terá unha peculiar monxa. Conseguirán saír con ben?

Vázquez Freire, Manuel. Demos de verán. Xerais. Vigo, 2017. 296 páxinas. 

La casa del nazi

Publicada orixinalmente en galego baixo o título Izan o da saca (Xerais, 2015), a versión en castelán da última novela de Xabier Quiroga é un pasaporte ao pasado máis escuro e descoñecido da historia recente de Galicia. O escritor explora, entre a realidade e a ficción, a coñexión entre os ídolos caídos do Terceiro Reich e a nosa terra. Ata onde chegaron os tentáculos dos nazis na súa fuxida rumbo a América do Sur?

A rutina é menos rutina con esta novela
Déixate sorprender polo que a historia oficial agocha

La casa del nazi ofrécenos unha lectura apaixonante do que puideron ser aqueles anos da posguerra galega, coa chamada “ruta das ratas” como fío condutor. O detonante desa viaxe ao pasado é un acontecemento non menos estraño: a recepción por parte do Fiscal Superior de Xustiza de Galicia dunha caixa con noticias de asesinatos inconexos e unha novela dun cazador de nazis afeccionado.

Lerás sen sequera pestanexar.

Quiroga, Xabier. La casa del nazi. Ediciones B. Barcelona, 2017. 632 páxinas. 

Cerbantes en la casa de Éboli

A celebración do cuarto aniversario do pasamento de Miguel de Cervantes fixo que en 2016 agromasen non só as reedicións das súas obras, senón outros traballos de ficción ou non ficción con el como protagonista. A resaca de tal marea vívese aínda este ano, e unha das publicacións máis interesantes que nos deixa é Cerbantes en la casa de Éboli.

A cara oculta de Cervantes, neste libro anti-rutina
Quen foi Miguel de Cervantes antes de acadar a gloria?

Álvaro Espina sérvese do manuscrito de Orán -considerado un relato autobiográfico do escritor- para reconstruír o paso de Cervantes (ou Cerbantes, se respectamos a grafía da época) pola corte española entre 1566 e 1569. Instalado na rúa Atocha de Madrid ao servizo da casa de Éboli, dará os seus primeiros pasos na escritura e no amor, ao tempo que cumpre coas funcións de secretario privado e preceptor dunha nena. Alí será testemuño e actor das intrigas de palacio, con consecuencias imprevisibles para el mesmo.

Un exercicio de recreación exquisito.

Espina, Álvaro. Cerbantes en la casa de Éboli. SUMA. Barcelona, 2017. 904 páxinas. 

@Ce_FerSan | Fotos: malpasoed.com, xerais.es, megustaleer.com