Quen di que as zapatillas de la non son para o verán?

Baabuk puxo de moda as zapatillas de la

Ata o de agora, o deseño suízo era coñecido polos seus infalibles reloxos e os seus riquísimos chocolates. Despois deste verán, as tornas poida que muden. Quizais no alto da lista dos méritos industriais do país alpino se coen as zapatillas. De la. Todo o mundo está a falar delas, así que algo teñen que ter. Á parte de la. Si, la de ovella. Mencionamos xa que están feitas de la?

Desde que o estilo granny trouxo consigo fai uns cinco anos un revival da calceta -convertida no pasatempo máis in antes de que @s hipsters decidisen recuperar os videoxogos retro-, a la acadou o particular estatus de material fetiche nas coleccións dunha boa presada de deseñadores e deseñadoras (por exemplo, Donatella Versace). Alén das xa clásicas capas e os ponchos de Burberry, as bufandas oversize, os gorros estilo beanie e os abrigos calcetados, revelouse como un recurso enormemente versátil.

Cabalgando na crista da onda estiveron Wool & The Gang, firmes defensoras e pioneiras da artesanía da la e da moda sostible desde 2008. O seu lema “wool is cool” ben podería ser o da xente de Baabuk. Esta start-up, con sede en Suíza, é a responsable de que cada vez sexan máis @s que toleen por probar a curiosa sensación de usar calzado elaborado cun material tipicamente de abrigo, pero pensado para os meses tépedos do ano. Porque a la non só é cousa de avós e avoas.

A la é o material fetiche de Baabuk
As zapatillas Urban Wooler ensínannos que a la presta

Iso mesmo foi o que deberon de pensar Galina Witting e o seu marido cando, fai menos dun ano, organizaron o seu segundo proxecto de crowd-funding a través da plataforma Kickstarter. O obxectivo era dar a coñecer o seu prototipo para unhas zapatillas a base de feltro de la, cun deseño sinxelo e funcional, para un público eminentemente urbano. Na súa mente estaba materializar o seu vello soño de producir unha liña de zapatos orixinal, case artesanal, inspirada polas botas rusas tradicionais ou valenki. Mentres boa parte das marcas investigan sobre materiais sintéticos e exploran as súas posibilidades para seguir sorprendendo colección tras colección, en Baabuk apostaron por botar o freo e recuperar o tratamento da la. A herdanza cultural de Witting prantou a semente, e @s 1.050 inversores e inversoras que se interesaron pola proposta axudárona a agromar.

Recadaron 171.889 francos suízos (algo menos de 160.000 euros) e puideron producir unha serie limitada de zapatillas Urban Wooler. O deseño leváralles un ano. A produción localizouse na vila portuguesa de Manteigas, terra moi vencellada á artesanía do calzado, onde se transforma a materia prima: a la das ovellas que crían na Serra da Estrela. Para manter ese espírito artesán, en Baabuk decidiron ir producindo a medida que conseguen fondos. Todo un exemplo desa visión alternativa da moda, coñecida como slow fashion, e que defende a necesidade de recuperar o respecto polos ciclos de produción.

Este verán é tendencia vestir zapatillas de la
Nin Victoria nin Superga: as Baabuk son as zapatillas de moda

E así, a primeira quenda de zapatillas Urban Wooler foi distribuída en marzo de 2016, máis de medio ano despois de que desen a coñecer o deseño a través de Kickstarter. A súa mellor carta de presentación foron as especiais características que a la lles outorga. Fronte ás zapatillas de lona e os tenis, as de Baabuk son antibacterianas, combaten os malos cheiros, resisten a auga e, por difícil que semelle, son doadas de limpar. Mesmo @s hipsters adorarán saber que non é preciso usar calcetíns con elas, pois son transpirables.

Esquezamos as UGG;  o último en calzado fóra da norma ten acento helvético e preséntase nun formato absolutamente normcore.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @baabuk