Restaurantes que demostran que a gastronomía é arte

O Museo Reina Sofía acolle un restaurante excepcional

Quizais a arte e a gastronomía percorran camiños paralelos dende hai séculos, pero o certo é que nos últimos tempos este binomio semella inseparable. Sexa por aproveitar o auxe de todo o relacionado co mundo da cociña ou por ofrecer experiencias exclusivas e innovadoras alén do bocadillo de tortilla ou do menú do día dentro de espazos cun atractivo singular, o certo é que cada vez son máis os restaurantes que abren dentro das instalacións de museos e os locais que contan con obras de arte no seu interior.

Dentro das fronteiras españolas, un dos primeiros restaurantes de prestixio que se instalou nun museo foi La Sucursal, no Instituto Valenciano de Arte Moderno. Dirixido pola familia de Loles Salvador, foron 15 anos de cociña mediterránea de vangarda recoñecida cunha Estrela Michelin e dous Premios Nacionais de Gastronomía. Hai un ano trasladouse ao complexo Veles e Vents, un edificio localizado na zona do porto náutico de Valencia que integra arte, cultura, gastronomía e actividades formativas relacionadas con estas materias.

A nova sensación en Bilbao e este restaurante
O equipo do restaurante Nerua en plena acción

O recoñecemento en forma de Estrela Michelin tamén chegou en 2011 para o Nerua, o restaurante do Museo Guggenheim de Bilbao. A carón da famosa escultura Mama (esa icónica araña xigante), o chef Josean Alija elabora pratos nos que predominan os vexetais, cunha presenza moi marcada da tradición culinaria vasca. Espinacas guisadas, leite de améndoa e aceite de oliva; kokotxas de pescada, ovo e espárrago branco; ou flan de mazá e canela con xeado de mamía son algunhas das creacións que se poden degustar neste espazo, ao tempo que se admira a beleza do edificio deseñado por Frank Gehry.

En Madrid a oferta é moito máis ampla. Unha das aperturas máis recentes é a de NuBel, no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. De entrada, chaman a atención as formas ovaladas do mobiliario ou o vermello paixón do teito, pero as ceas que prepara Javier Muñoz-Calero non teñen nada que envexarlle á estética deste curioso espazo situado no edificio deseñado por Jean Nouvel (de aí vén o nome do restaurante).

No Reina Sofía, o Nubel dá que falar

Se buscamos unha alternativa, podémola atopar dentro do propio Reina Sofía, no Arzábal, un restaurante que busca redefinir o concepto da tradicional taberna. De feito, algunhas das recomendacións dos seus responsables, Álvaro Castellanos e Iván Morales, son as croquetas, as anchoas do Cantábrico ou a tixola de ovos con trufa.

Restaurante ou galería de arte?

Por se non chegara con mirar ao prato, que ás veces é unha verdadeira obra de arte, hai locais nos que as olladas dos comensais tamén poden dirixirse ás paredes ou a outros espazos. Ocorre no Pharmacy 2 de Londres, unha auténtica galería de arte cunha decoración centrada no mundo da medicina e dos medicamentos. Un proxecto do polémico artista Damien Hirst, asociado co cociñeiro Mark Hix, permite admirar as obras do primeiro –como Kaleidoscope e Medicine Cabinet– e degustar as do segundo (por exemplo: pato ao curry con arroz basmati ou o calamar crocante con chile verde, allo e améndoas).

Arte e gastronomía únense grazas a Damien Hirst
Non podía faltar un toque artístico no restaurante de Hirst

Á marxe de exemplos coma este, os límites entre o que é un restaurante e o que é un museo ou galería de arte seguen a ser bastante diáfanos, pero ambos espazos parecen camiñar cara a un punto converxente. Á fin e ao cabo, a gastronomía, coma a arte, é un pracer para os sentidos.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo / Fotos: Instagram @arzabal, @neruaguggenheimbilbao, @nubelmadrid, @pharmacy2_official