Retrato dunha obsesión, por Leila Slimani

Presentamos a última novela de Leila Slimani

Se houbese que poñerlle banda sonora á última novela de Leila Slimani, desde logo o seu tema central non sería unha nana. Canción dulce  é puro heavy metal, hardcore, calquera xénero que implique decibelios e berros, moitos berros.

Grazas á potente estratexia de promoción dos Premios Goncourt, un dos máis relevantes das letras francesas, a finais de 2016 aterraba en España Leila Slimani, a súa última gañadora ata o momento. As críticas que a acompañaban augurábanlle un futuro prometedor na lista de vendas. E así, foi medrando un dos fenómenos literarios do ano, que chegou ao punto de eclosión nesta primavera-verán.

O retrato de Slimani non ten nada de doado. Nin para quen o le; nin, probablemente, para a propia escritora. Canción dulce (Cabaret Voltaire, 2017) é a historia dunha familia (pai, nai e dous meniños de curta idade) e a súa neneira. Pero, lonxe dunha situación idílica, digna dunha Mary Poppins moderna, o vínculo que se establece entre as partes está cheo de arestas e matices, de sombras cada vez máis escuras que eclipsarán a paz do fogar.

Despois de dous embarazos e de renunciar voluntariamente ao traballo, Myriam é unha nai esgotada fisicamente e psicoloxicamente. Sente que perdeu o control sobre a súa propia vida e fantasía con volver ser a muller que nalgún tempo foi: despreocupada, sen cargas, sen obrigas. Libre. Mesmo a súa relación de parella ameaza con resentirse. Paul, o seu marido, alimenta as súas propias esperanzas e non semella disposto a renunciar aos seus obxectivos.

Ata que a solución máxica lles vén dada pola experiencia de coñecidos e amigos: contratar unha neneira. A idea é música para os seus oídos, contar con alguén que os descargue da responsabilidade de atender a Mila e Adam!

Mais a voz da súa conciencia (de clase) frea o seu entusiasmo. Realmente poden permitirse o luxo de contratar a alguén? E, de ser así, que tipo de muller queren ao seu servizo?

Leila Slimani volve ser récord de vendas co Premio Goncourt
“Canción dulce”: as contradicións da sociedade actual

Cando Myriam recibe unha oferta laboral por parte dun ex-compañeiro, a sorte está botada. O retrato robot da candidata dos seus soños é unha traballadora cos papeis en regra, que teña fillos pero que non os teña en Francia e que non fale árabe. Contraditorio, tendo en conta a orixe da propia Myriam…

Despois dunha serie de entrevistas frustrantes, aparece Louise, a salvadora, a redentora, a solución a todos os seus males. É mellor do que ousaron imaxinar. Francesa de nacemento, branca, educada e cunhas referencias impecables. Mila bótase aos seus brazos de inmediato. A decisión está tomada.

A partir de aí, tecerase unha convivencia feita de complicidades, pragmatismo e unha asfixiante interdependencia.

Co desenvolvemento e o desenlace da trama, Leila Slimani consegue confrontarnos coa dificultade de conciliar a vida íntima coa familiar e de conxugar as distintas dimensións da nosa personalidade. Como ser nai sen deixar de ser muller? A que estamos dispost@s a renunciar para levar unha vida acorde ás nosas máis altas expectativas?

A hipocrisía da sociedade actual, que esixe de nós que sexamos súper heroes e súper heroínas queda ao descuberto nesta sonata de ecos arrepiantes.

Slimani, Leila. Canción dulce. Cabaret Voltaire. Madrid, 2017. 288 páxinas.

Foto: cabaretvoltaire.es