Ruta termal por Galicia e o norte de Portugal

O turismo termal é a última sensación

Á hora de viaxar, a clásica dicotomía praia ou montaña vai perdendo forza. Está a se consolidar un enfoque alternativo, encamiñado á promoción de experiencias orientadas á relaxación e o descanso. É o chamado “turismo de benestar“, e nel está o xermolo da revitalización do movemento termal en toda Europa. Galicia e o norte de Portugal son o berce dalgúns dos balnearios máis senlleiros da Península, ideais para unha paréntese detox con todas as da lei.

Na segunda metade do século XIX -e seguindo o exemplo da veciñanza europea-, a aristocracia e alta burguesía española fixeron seu o costume popular de ir aos baños. Mais ao contrario do vulgo, aquelas procuraban neles non só cura para os males que padecían -que tamén-, senón, sobre todo, deixarse ver. Porque os balnearios, coa beizón da raíña Victoria Eugenia, pasaron de ser lúgubres espazos cheos de doentes a sofisticados lugares para o esparexemento da xente de posibles durante a temporada alta.

Balneario de Guitiriz

Desde que aló por 1902 as augas da zona fosen certificadas como mineromedicinais, a súa sona non deixou de medrar. Das billas deste balneario -obra do arquitecto Juan Álvarez de Mendoza- saen sulfuradas, fluoradas, bicarbonatadas, sódicas e radiactivas, o que as fai especialmente recomendables para o tratamento dunha morea de patoloxías. Doentes de reuma, con problemas respiratorios, alerxias ou dermatite e psoríase foron nalgún tempo @s usuari@s habituais das súas instalacións. Coa chegada do novo século, a oferta diversificouse para acoller tamén un moderno spa e mesmo un campo de golf.

O balneario de Guitiriz é un clásico
Os balnearios reinvéntanse, entre tradición e vangarda

Gran Balneario d’O Carballiño

Aínda que as termas de Ourense lle rouben protagonismo mediático, o Gran Balneario d’O Carballiño pouco ten que envexarlles. Aberto en 1816, chegou a ser no seu tempo un dos máis concorridos de España. Méritos para iso non lle faltan. As súas augas, que corren a entre 22 e 28 °C, están especialmente indicadas para a cura de doenzas do aparato dixestivo e respiratorio, reumatismo ou problemas da pel. Ao seu poder medicinal, engádese a beleza do entorno natural no que se enmarca o edificio do balneario, unha fermosa construción con aires de fortaleza que data de finais do século XIX.

A viva volve con forza aos grandes balnearios
As terapias de relaxación son o novo reclamo dos grandes balnearios

Balneario de Mondariz

Visitantes tan ilustres como Emilia Pardo Bazán, Castelao, Wenceslao Fernández Flórez, a Infanta Isabel de Borbón ou Jon II Rockefeller fixeron deste balneario un efervescente polo de actividade social durante as primeiras décadas do século XX. E é que Mondariz brillou con especial esplendor durante a Belle Époque. Nas súas tertulias vangardistas debatíase sobre o futuro do país, intercambiábanse ideas, tecíanse amizades… e acuñábase unha moeda propia. Na actualidade, a pompa deixou paso a unhas instalacións modernas orientadas ao turismo de relaxación. A súa oferta vai desde tratamentos anti-estrés a outros de beleza, adelgazamento ou anti-tabaco.

Mondariz é unha referencia en augas medicinais
O balneario de Mondariz foi testemuño silencioso da Belle Époque

Vidago Palace

Velaquí a xoia da coroa do termalismo portugués. Reconvertido en hotel e recuperado para a causa en 2011 despois de longos anos de decadencia, Vidago Palace é un espectacular palacio estilo Art Nouveau situado no fronteirizo concello de Chaves. Nin a posguerra fixo decaer a actividade nos seus salóns, frecuentados por familias europeas que acudían aos bailes de té no hotel, gozaban das súas augas medicinais e xogaban ao golf no seus campo de nove buracos. Restaurado polos deseñadores José Pedro Lopes e Diego Rosa, este fermoso balneario vive agora unha segunda xuventude. Nin o tempo nin as vicisitudes fixeron que perdese nin chisco da sofisticación e o encanto orixinais.

Máis info: balneariodeguitiriz.com / balneariodecarballino.com / balneariomondariz.esvidagopalace.com

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @vidagopalacehotel, @balneariodeguitiriz / termasourense.com, balneariomondariz.es