Sabes que é o animal flow?

O 'animal flow' é o novo ioga

“Chimpar como unha gacela”, “correr como unha lebre” ou, polo contrario, “ser repousad@ como unha tartatuga” son algunhas das frases feitas que botan man de animais para describir unha actividade física. Agora, de seren un recurso idiomático pasan a se converter nos inspiradores de toda unha disciplina de fitness. É o animal flow, e é algo moi salvaxe.

Esquece por un intre o traballo de forza coas kettle bells, os exercicios tradicionais e calquera outra rutina que teñas adquirido no ximnasio. Esquéceos porque, en canto saibas en que consiste este novo sistema, estarás desexando probala.

O 'animal flow' inspírase nos movementos animais
Calquera sitio é bo para unha sesión de exercicio animal

O seu creador é Mike Fitch, un estadounidense que fai uns anos decidiu embarcarse nunha particular aventura: atopar un xeito de recuperar os patróns de movemento instintivos dos seres humanos. Convencido de que, malia que a evolución nos forzou a deixalos atrás, seguen grabados no noso ADN, deseñou un programa de adestramento centrado na súa descuberta. Era a orixe do “animal flow” ou cadencia animal.

Para familiarizarse con ela, en España existen xa ximnasios adheridos á rede de Fitch que ofrecen sesións. Duran arredor dunha hora e serven para ir adquirindo de xeito gradual as nocións do animal flow. Tamén hai monitores certificad@s que imparten clases individuais ou a grupos reducidos.

A versión ortodoxa desta técnica recomenda, porén, practicala ao aire libre, aproveitando as posibilidades do entorno natural para potenciar a comuñón coa nosa parte animal.

Xa hai ximnasios que ofrecen clases de 'animal flow'
A soas ou en grupo, esta disciplina causa adicción

Ao contrario que outras disciplinas, esta céntrase en exclusiva no traballo co propio corpo. Bebe do ioga e do fitness tradicional, mais tamén ten elementos tirados do break dance, do parkour e mesmo do surf. A diferenza respecto de todos eles estriba na importancia do flow (cadencia, fluidez). Hai unha serie de transicións que regulan a evolución dunhas posturas a outras e axudan a que os exercicios se encadeen. Pásase de imitar o movemento dun cangrexo ao dun escorpión, do dun mono ao dunha tartaruga, pero sempre gradualmente.

As extremidades superiores e inferiores son as protagonistas do adestramento, manténdose o corpo moi preto do chan e adoptando sobre todo posicións cuadrúpedes. A propia gravidade encárgase de que os exercicios esixan máis forza, activando todo o corpo, e non só certas partes. De aí que os principais beneficios do animal flow sexan: o aumento da mobilidade, a mellora da flexibilidade, o incremento da potencia e do control.

Esixe unha boa comunicación neuromuscular, o que reforza a musculatura e contribúe a que teñamos conciencia do noso corpo, a súa postura e o seu equilibrio.

Animal flow: puntos débiles

A espectacularidade desta práctica a miúdo fainos esquecer que o animal flow tamén ten unha cara menos vistosa. Por divertida que semelle, @s profesionais advirten que non é doada. Require esforzo para chegar a controlar os movementos e coller o ritmo. Así que prepárate para sentirte ridícul@ e torpe durante varias sesións. Tampouco pretendas obter resultados de inmediato. Prepárate, máis ben, para buscar na progresión unha motivación adicional. E se padeces problemas articulatorios, animal flow, coa tensión que xera, non é para ti.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @mikegbt