Sara Casasnovas:A fama pode ser unha arma de dobre fío”

Sara Casasnovas, actriz galega con proxección nacional

Apareceu durante varias temporadas na serie diaria máis lonxeva da televisión española, Amar en tiempos revueltos, encarnou á vítima do primeiro caso investigado en Serramoura,  fixo unha breve aparición como dobre de Megan Montaner en Sin identidad… pero Sara Casasnovas é máis ca un rostro televisivo.

Esta artista total, unha das novas promesas da escena nacional, xa sabe o que é atravesar o Atlántico para promocionar o seu traballo fóra das nosas fronteiras. E probou a poñerse detrás das cámaras para dirixir. Se a finais de 2015 poidemos vela de xeito fugaz nos cines con Tercer Grado, 2016 será o ano da estrea da súa primeira curta, La chica del maletero. Mentres chega, e agora que está de xira teatral pola nosa terra con Palabras malditas, visitámola entre bambolinas para coñecela máis de preto.

Coolt.- Comecemos por darlle una volta á eterna cuestión: unha actriz nace ou faise?

Sara Casasnovas.- Nace e faise. O adestramento é importante para redescubrir o potencial que un pode ofrecer no traballo. O instinto, as vísceras e a propia experiencia da vida determinan o desenvolvemento artístico.

C.- E cando naceu Sara Casasnovas, actriz?

S. C.- Sempre tiven, de xeito distinto, atracción polo universo da interpretación. Profesionalmente, a andaina comezou na adolescencia.

C.- Se poideses escribirlle unha carta a aquela rapaza, que lle dirías?

S. C.- Solta lastre e voa. Tenacidade, coraxe e intelixencia.

C.- Que hai da actriz na Sara da rúa e que tics persoais levaches a escena?

S. C.- Procuro poñerme ao servizo da escoita en cada rol. Na vida cotiá rexistro as ferramentas que emprego no oficio. E con respecto aos tics, máis ben sucede o contrario: poido sacar a pasear unha particularidade do personaxe e descubrirme practicándoa nalgún momento da miña vida.

C.- A fama ten sabor doce ou amargo?

S. C.- Segundo o padal. Esa etiqueta que nos precede chamada “fama” pode funcionar como unha arma de dobre fío. Penso que o modo de empregala determina o sabor que deixa.

Cine, teatro, curtas... Sara Casasnovas dálle a todo
Sara Casasnovas volve aos escenarios galegos

C.- Chegará o día en que –ao estilo Umbral- nos sorprendas cun “eu vin aquí para falar da miña película” ao preguntarche polo teu papel de Alicia en Amar en tiempos revueltos?

S. C.- Sempre agradecida polo vivido ca miña querida Alicia, e conservándoa na lembranza, procurarei espertar interese cos proxectos presentes. Por exemplo, Palabras Malditas, a obra teatral que estreei este xaneiro.

C.- Aínda soñas con protagonizar unha superprodución e vestirte de Cleopatra?

S. C.- Encantaríame traballar nun proxecto así, aínda que o certo é que ás veces esperto sentíndome, dalgún meu xeito, como a nova raíña exipcia.

C.- Que che gusta ver no cine? Gozas da película sen pensar en máis nada ou es d@s que non pode evitar diseccionar cada papel (bendita deformación profesional)?

S. C.- Gústame deixarme seducir polas historias que conta o cine. Fíxome nas interpretacións, na montaxe, no son, no ritmo e os motivos que levan a compoñer tal plano, pero o que máis gozo é  esa historia que me fai centrarme os personaxes e esquecer a técnica. Esa que me permite identificarme e expresarme a través de ela.

Recentemente descubrín Close up de Kiarostami, un filme que conseguiu emocionarme. Como tamén me moveu -se ben doutro xeito- Tercer grado, a última película que estreei no 2015.

C.- E xa que falamos de terceiro grao, que mellor para pechar esta entrevista que someterte a un interrogatorio exprés. Aí vai!

Un libro no que perderse? Residente privilexiada, de María Casares.

Un lugar no que atoparse? Bailando nunha praia ao atardecer.

Unha lembranza da túa nenez? O pelo curtiño, a saia azul e as croquetas da avoa.

Un olor que te acompañe? O olor da canela

Un personaxe que envidies (de forma sá)? Mary Poppins

Unha pregunta sen resposta? Por que se esquecen os soños con tanta rapidez ao despertar?

@Ce_FerSan / Fotos: ©Fernando Navarro