Sardeña, a perla descoñecida do Mediterráneo

Su Sirboni, enseada sarda

Sardeña non é un destino obvio. En Italia hai rexións e cidades como Roma, a Toscana ou mesmo Sicilia que atraen moitos miles de turistas máis. Nin tan sequera conta cunha imaxe icónica coa que poidamos identificala. Non ten unha Capela Sixtina, non exhibe o David de Miguelanxo, non é o berce da pizza. E, sen embargo, esta illa mediterránea non ten nada que envexarlle á Italia continental. Sardeña é… Sardeña sen máis.

Ao Sur de Córcega e ao Leste das Baleares, este país en miniatura ofrece todo o que @ viaxeir@ curios@ adoita procurar: un clima agradable, fermosas paisaxes e praias de sona, unha gastronomía rica e moita tranquilidade. Ben é certo que nesta descrición poderían encaixar numerosas illas, desde o Caribe ata as Canarias. Que fai logo que Sardeña teña un encanto particular?

Tan diversa como a propia Italia, esta illa montañosa e case virxe no seu corazón sorprende a quen a visita cunha apariencia agreste. É un territorio salvaxe, tan indómito como as súas xentes, que defenden con orgullo o identidade sarda e non dubidan en reivindicala a pé de rúa. Non é estrano atopar carteis que nos lembran, con letra rápida e pouco pretenciosa, aquilo de que “Sardegna non è una terra di conquista” (Sardeña non é unha terra conquistada, en galego).

Vista da ponte de Irtzioni
O interior boscoso de Sardeña, exemplo da súa natureza salvaxe

Pero ese carácter reivindicativo tórnase c@s visitantes en hospitalidade á antiga usanza. Son afables no trato mais cun humor que dista moito da imaxe exuberante e expresiva que temos d@s italian@s. A pasta domina as mesas sardas, malia non ser nin de lonxe o prato estrela da súa gastronomía: o pane carasau. Feito de sémola de trigo, cun toque salgado e unha textura a medio camiño entre a oblea e as nosas orellas, esta receita de orixe pastoril é un acompañamento perfecto para calquera menú.

Posto que a pesca segue a ser unha das principais actividades económicas na illa, o peixe e o marisco son fundamentais na cociña de Sardeña. Para mostra, o  atún de Carloforte, a langosta algueresa, a sopa de mexilóns e os spaghetti con ourizos de mar. E para beber? Que non falten o viño e o exótico licor de mirto. A súa é unha gastronomía italiana con acento insular, tan particular como o propio acento d@s sard@s.

Pero non só de boa comida vive @ viaxeir@. De Cagliari a Alghero e máis aló, un percorrido pola costa descúbrenos ducias de praias para todos os gustos. Hainas populares e ateigadas de turistas e locais, pequenas e escondidas, cantís de difícil acceso e vistas de vertixe… O denominador común son as augas cristalinas e a area fina.

Goloritze é un bo exemplo das costas sardas
A enseada Goloritze, exemplo dos cantís sardos

Para @s que buscan un destino para descansar, Sardeña é o seu lugar, mais tamén para @s amantes da festa. As raves estivais son unha cita imperdible para @s afortunad@s que reciben a convocatoria segreda. Á beira do mar e entre lusco e fusco dan comezo concertos de grupos de sona internacional e dos estilos máis variados.

A mellor opción para gozar da infinita oferta da illa de Norte a Sur e de Leste a Oeste é alugar un coche. Non é que as comunicacións sexan o punto forte da rexión, polo que é preferible non depender dos transportes públicos e elixir a comodidade e liberdade dun vehículo de aluguer. O comezo do outono é sen dúbida a época do ano máis recomendable para percorrela. De volta á normalidade despois do bulir estival, os pobos amosan a súa verdadeira esencia.

Sardeña é, en definitiva, o paraíso da slow life ou -como sempre se dixo en italino- da dolce vita.

Máis info: italia.it / sardegnaturismo.it

@Ce_FerSan