Sé orixinal, fai de Uruguai o teu destino en América do Sur

Uruguai é o gran descoñecido en América do Sur

Ao sur do sur está Uruguai. Alí onde o río da Prata desprega a súa maxia antes de se atopar co océano Atlántico, no curruncho que separa o noroeste da Arxentina e o Brasil meridional. Uruguai é unha terra de transición entre dúas potencias, pero tamén ten espírio propio. Emigramos (con retorno) ao país suramericano con máis acento galego.

Nin tan sequera ten unha bebida nacional distintiva (comparte o culto ao mate c@s veciñ@s arxentinos), e aínda así é oficialmente o país cunha maior proxección turística da rexión. Vén recibindo uns 2 millóns de viaxeir@s ao ano, o que, comparado cos 3 millóns e pouco de habitantes que ten, semella unha verdadeira marea. E é que Uruguai está, sen dúbida, a vivir a súa época de esplendor. Tirando proveito das horas baixas do Brasil, a inestabilidade venezolana e o estancamente arxentino, sobresae cunha oferta tan sinxela como eficaz: tranquilidade e mesura.

Non é esta unha terra de grandes reclamos. O seu magnetismo é primixenio, da natureza salvaxe e o clima suave, das paisaxes engaiolantes e o estilo de vida modesto, acolledor, alegre de seu. Un remanso de paz (política e social) que a publicación británica The Economist recoñeceu a finais de 2014 como o país do ano. Non é de estrañar que Uruguai reciba o apelativo de “Suíza suramericana”.

Nos últimos cinco anos, o seu mellor embaixador foi o ex-presidente José Mujica, que conseguiu poñer a súa nación no radar internacional a base de carisma, ludicez e un programa cheo de reformas e iniciativas progresistas que lle procuraron admiración alén das súas fronteiras.

E así, pasiño a pasiño, foise xestando o boom turístico que agora eclosiona.

Que ver en Uruguai?

  • Montevideo. A capital foi durante décadas o destino da emigración galega a América (que empregaba o nome da cidade para designar o país enteiro). Hoxe é o núcleo onde se concentra boa parte da poboación, cunha singular mestura arquitectónica resultado da suma da zona vella deseñada polos colonizadores españois no século XVI e dos edificios expresionistas e art déco de primeiros do XX. A modernidade futurista encárnaa, por exemplo, o aeroporto de Carrasco, conectado con Montevideo por unha estrada costeira de máis de 20 quilómetros que discorre paralela ao río da Prata. No barrio antigo atópase a rúa de Sarandí, peatonal, a arteria montevideana por excelencia, que o atravesa de punta a punta. Mais o verdadeiro corazón da cidade é a praza da Independencia, co palacio Salvo e as súas palmeiras. Dela sae a avenida 18 de xullo e a zona comercial.
No centro da capital de Uruguay está o Palacio Salvo
Montevideo desde o alto do Palacio Salvo
  • Colonia del Sacramento. Fundada polos portugueses para rivalizar en importancia con Buenos Aires (xusto do outro lado do río), foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1995. As súas rúas son testemuño da historia colonial. Conserva parte da muralla, un faro entre as ruínas dun convento e numerosas construcións do tempo dos portugueses reconvertidos en hoteis, museos, restaurantes ou tendas. O seu chan empedrado é tan característico como fotoxénico.
A Colonia del Sacramento é a segunda cidade de Uruguai
Fermosa panorámica do barrio antigo co faro ao fondo
  • Punta del Este. Se hai algo polo que destaque Uruguai é a fermosura e a calidade das súas praias. A us 130 quilómetros ao leste de Montevideo, atópase este marabilloso enclave no departamento de Maldonado. O río da Prata, cuxas augas se revolven contra a costa, contribúen a crear un litoral de areais brancos e infinitos. Se a iso lle engadimos cantís, outeiros verdes e puntas rochosas, a paisaxe de Punta del Este non pode ser máis espectacular. É a Miami suramericana, ateigada de reclamos para o turismo de luxo: campos de golf, exquisitos restaurantes, etc. No outro prato da balanza, a meca de surfeir@s, espíritos bohemios e da xuventude uruguaia que son pobos mariñeiros como Punta del Diablo ou Cabo Apolonio. Alí, o tempo semella terse detido no limbo analóxico, entre reservas da biosfera e espazos naturais case virxes. Deitarse nas rochas para contemplar o solpor en toda a súa extensión é un privilexio de quen os visita.
As praias e os balnearios de Uruguai teñen sona
Se Punta del Este leva a fama, La Paloma compite con ela en beleza 

Praceres carnais

Por moito que a Pampa arxentina presuma de ser terra de gandería selecta, a uruguaia suponlle xa unha dura competencia. Súa é, segundo o declaraba en 2012 The New York Times, a coroa do reino da carne. As clásicas churrascadas son a súa maior expresión gastronómica, co toque afumado que as caracteriza. Mais a rivalidade coa Arxentina non queda aí. Ambos países loitan aínda por facerse co título simbólico de inventor do mate… e o tango.

Polémicas á parte, non nos sobran xa os argumentos para viaxar este inverno á marxe esquerda do río da Prata?

Máis info: uruguaynatural.com / welcomeuruguay.com / coloniaturismo.com

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @soltonaestrada, @away_for_awhile, @coloniadelsacramentouy, @https.leilxf