Self-dating ou o triunfo (literal) do amor propio

Para ter unha cita xa non se necesitan 2

Pódese dicir que a solteiría, sobre todo feminina, deixou oficialmente de ser un estigma (polo menos en apariencia) en 2010, cando Beyonce cantou o seu himno Single Ladies e animou ás mulleres a levantar o listón no plano sentimental. Hoxe, ser solteir@ -ou single, en inglés- é cool. E semella que, tirando do bíblico “amarás ao próximo como a ti mesmo”, cada vez son máis @s que se animan a comezar por practicar o amor propio. E non falamos de onanismo.

Mentres na última década agromaban webs e aplicacións para emparellarse ou atopar alguén con quen manter unha relación esporádica (Meetic, eDarling, Tinder, etc.), íase desenvolvendo un mercado paralelo de signo oposto: o das persoas que están soas por elección. Fronte á presión social que fai tan só corenta anos tiñan que soportar homes e mulleres, conseguiuse que non ter parella se fose normalizando. É unha opción, non unha maldición. Mesmo inspira todo un estilo de vida, co “orgullo single” por bandeira.

Pero hai quen non se conforma con iso. En 2014, a británica Grace Gelder converteuse nun fugaz fenómeno mediático ao contraer matrimonio… consigo mesma. A voda tivo tódolos ingredientes clásicos: votos de compromiso, un anel, e ata unha íntima auto-proposición nun fermoso parque. Despois de seis anos sen mozo, Gelder chegara á conclusión de que unha relación típica non era o seu. Porque “iso significa traballo duro e ruina. Por iso, decidín homenaxear o meu novo período vital de auto-descubrimento”.

Un ano máis tarde, foi Yasmin Eleby, norteamericana, a que tomou exemplo e pasou pola vigairía sen ninguén que a correspondese. Prometera  que se estaba solteira ao cumprir os 40, casaría consigo mesma. Simplemente porque quería amosarlle ás mulleres que non hai que ter “medo de arriscar”.

O self-dating é o último acto de empoderamento feminino
Quererse a si mesm@ para querer mellor aos demais, un bo punto de partida

E despois destas dúas orixinais e reivindicativas vodas -sen valor legal-, fai unhas semanas coñeciamos a Laura Bull, unha rapaza australiana que se sobrepuxo a un desengano en Tinder cunha auto-cita do máis exitosa. Cansa de cancelacións de última hora por parte de descoñecidos, decidiu que quedar na casa non era unha opción. Preparou un día ben especial, con paseo pola praia e solpor romántico incluído. E para poñerlle a guinda, convidouse a unha hamburguesa cunha cervexa nun restaurante do seu gusto. Un plan estupendo, que nin o ollar entre abraiado e xolgador da camareira que a atendeu puido amolar.

Preguntada pola proliferación de mostras de “sogamia“, a planificadora de vodas Miriam Basanta (Atelier de Yaiza) amósase escéptica.

Teño sentimentos atopados respecto ao recente fenómeno denominado “self-dating“. Defendo e practico o amor por unha mesma (falo en feminino porque, ata o momento, só se coñecen publicamente casos de auto-casamento de mulleres). Aplaudo que se celebre dalgún xeito o “vou coidar de min”, a loita pola felicidade, a independencia e o crecemento persoal, o compromiso co propio benestar. Pero coido que a “sogamia” pode converterse (de feito, xa se está a tentar coa creación de empresas como I Married Me ou Solo Wedding) nun extravagante negocio. De todas formas, vexo improbable que esta moda chegue ó noso país, polo menos a curto prazo.

Actos narcisistas, manifestacións de empoderamento feminino ou simples exercicios de auto-exploración e intimidade persoal, o certo é que contribúen a reforzar a idea de que hai vida fóra do matrimonio, a parella e @s fill@s. Como lembra Rebecca Traister, autora de All the Single ladies: unmarried woman and the rise of an independent nation, “cando ás mulleres lles deron oportunidades máis aló do matrimonio, os resultados foron relevantes na sociedade, a educación ou os dereitos civís”. Quizais a “sogamia” sexa o principio dunha nova era.

@Ce_FerSan