Semanas da moda internacionais: guía para principiantes

Repasamos as semanas da moda que veñen

Primavera/verán, outono/inverno, cruceiro, cápsula, alta costura, prêt-à-porter, home, muller…: o calendario das coleccións de moda medrou tanto nas útimas décadas que ás veces cústanos un chisco seguilo. Que lonxe quedan aquelas temporadas de desfiles semestrais, concibidas como un sinal para o cambio de armario e que coincidían co cambio de estación!

Xaneiro dá inicio á frenética actividade das pasarelas internacionais, nas que ata ben entrado marzo se presentarán as propostas das grandes firmas e dos talentos emerxentes para o outono/inverno 2016-2017. A axenda das semanas da moda vén marcada por catro citas maiores (Nova Iorque, Londres, Milán e París), ás que se engaden logo outras feiras de sona que teñen un menor impacto e volume de negocio. As cidades que as albergan están xa preparadas para se converter un ano máis no centro das olladas d@s “fashionistas”.

Malia que as coleccións para muller seguen a ser o eixo do traballo da maioría das firmas, son cada vez máis as que aproveitan as feiras da moda masculina para ir quentando motores (ademáis de diversificar o seu target). Así, nas últimas tres semanas e ata o día 5 de febreiro estanse a presentar as propostas das liñas de home para o outono/inverno que vén.

Programa da semana da moda masculina en París
A moda masculina é un anticipo das semanas da moda

Tanto no prêt-à-porter masculino como feminino, o calendario está rexido por unha orde predeterminada. Nova Iorque abre a temporada, para logo cederlle o testigo a Londres, Milán e París. O gran berce da moda europea é o encargado de clausurar a temporada, todo un broche de ouro con marcos arquitectónicos privilexiados como o Grand Palais ou o Palais des Beaux Arts. Nese mes no que se desenvolven, sucédense non só os desfiles, senón tamén as conferencias, as presentacións, os cócteis e en xeral calquera actividade que poida servir para a promoción das coleccións e o networking entre os membros da industria.

Calendario das pasarelas internacionais O/I 2016-2017

Posto que as semanas da moda para home xa están no seu ecuador, preparemos a axenda para o prêt-à-porter feminino que chegará a partir do 10 de febreiro e ata o 9 de marzo. Velaquí as citas imprescindibles no panorama internacional:

 New York Fashion Week

Onde:  Skylight en Moynihan Station e Skylight Clarkson Sq

Cando: Do 10 ao 18 de febreiro

Que ver: Calvin Klein, Tommy Hilfiger, Jeremy Scott, Reem Acra, Monique Lhuillier, Prabal Gurung

London Fashion Week

Onde: BFC Show Space, BFC Presentation Space e TOPSHOP Show Space

Cando: Do 19 ao 23 de febreiro

Que ver: Anya Hindmarch, Charlotte Olympia, Giles, J.W. Anderson, Mary Katrantzou, Vivienne Westwood

Milan Fashion Week

Onde: Palazzo Reale, Palazzo Serbelloni, etc.

Cando: Do 24 ao 29 de febreiro

Que ver: Armani, Roberto Cavalli, Dolce&Gabbana, Fendi, Gucci, Marni, Missoni, Versace, Prada

Paris Fashion Week

Onde: Grand Palais, Palais de Tokyo, Institut du Monde Arabe, Palais des Beaux Arts, Centre Pompidou, etc.

Cando: Do 1 ao 9 de marzo

Que ver: Chloé, Céline, Miu Miu, Saint Laurent, Balenciaga, Lanvin, Rochas, Balmain, Chanel

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @cameramoda @lamaison1912