Sempre nos quedará Lisboa…

Este mes, viaxamos a Lisboa

Disque Portugal se está a converter na California europea, que Madonna ou Phil Collins buscan xa casa no máis florido de Lisboa. A capital lusa é, sen dúbida, un dos polos turísticos internacionais do momento, así que quizais este sexa o pretexto que andabamos buscando para visitar de novo @s nos@s veciñ@s do sur. Antes de que a “xentrificación” poña en perigo a súa decadente esencia…

Para unha visita curta a Lisboa, ben poderiamos botar man de O livro do dessasossego, unha das obras máis célebres de Pessoa. As descricións que nela vai facendo dos distintos barrios polos que transita o narrador-autor no seu devir é unha mostra de xeografía humana de incomparable axuda á hora de tomarlle o pulso á cidade que latexa no día a día.

Mais é outro autor, José Saramago, quen nos ofrece a clave definitiva. Dicía el que Lisboa é “onde remata o mar e comeza a terra”, algo así como a chave de paso entre dous espazos, dous tempos, dúas sensibilidades.

Paseamos polo casco vello de Lisboa
As rúas de Lisboa aínda gardan os sinais dun pasado esplendoroso

Foi a dama de Portugal, a nena bonita de mariñeiros e conquistadores, de intelectuais e bohemi@s. Foi a porta de entrada a Europa e a de saída cara as terras de ultramar e o mundo descoñecido. Hoxe, a dualidade lisboeta ten máis que ver cos ambientes ben diversos que acolle no seu seo. Entre o carácter urbanita e moderno e a nostalxia da Lisboa doutra época.

Ao seu pasado pertencen, por exemplo, os típicos tranvías amarelos, tan pintorescos como prácticos cando se trata de desprazarse a algunha zona fóra da rede do metro (tal é o caso de Belem).

Desta volta, subiremos no mítico nº 28, que nos levará dereitiñ@s a Alfama, o barrio máis antigo e xenuíno. Nel atópase unha manchea de edificios históricos e monumentos de obrigada visita, como o Panteón Nacional, a catedral ou o castelo de San Jorge. Sen esquecer, a fermosa Casa dos Bicos, que, para a nosa desgraza, nada ten que ver con aspectos románticos. O seu nome obedece aos curiosos remates en forma de punta de diamante (“bicos”) da súa fachada. Sexa como sexa, paga a pena vela.

Alfama é un dos barrios máis interesantes de Lisboa
Alfama, un labirinto cheo de cor e vida

E para vista, as dos miradores de Portas do Sol e de Santa Lucía, coroando o espectacular estuario do río Texo.

Volvendo á terra, deixamos atrás Alfama para adentrarnos no barrio da Baixa, onde tomaremos o elevador de Santa Justa rumbo ao Barrio Alto, punto de paso antes de acadar o noso verdadeiro obxectivo: o Chiado. A carón das ruínas do antigo convento do Carmo e do Museu Nacional de Arte Contemporânea do Chiado, hai unha infinidade de locais e restaurantes que animan Lisboa durante o día e, sobre todo, polas noites.

Porén, o mellor lugar para gozar da excelente gastronomía portuguesa é o veciño -e aínda pouco turístico- mercado de Campo de Ourique, algo máis retirado do centro que o da Ribeira. Os postos de conservas tradicionais, cunha hipnótica disposición e un aire retro que fascina, cohabitan con outros de comida internacional, dándolle ao conxunto un toque cosmopolita. A filosofía é moi sinxela: mercar para consumir no momento.

Lisboa ten unha incrible oferta en materia de mercados
O de Campo de Ourique é un dos mercados máis dinámicos da cidade

Se somos capaces de resistir a tentación de pasar polo monumental barrio de Belem e consagrar a nosa sobremesa aos auténticos pasteis de nata da Antiga Confeitaria de Belem, pasearemos polo parque das Naçoes.

Este antigo suburbio industrial lisboeta foi reconvertido nunha área de arquitectura rompedora e planificación futurista, a dose exacta de modernidade requirida para acoller a Exposición Universal de 1998.

Lisboa é, sen dúbida, terra de sutís contrastes. Para aprecialos en toda a súa magnitude, colleremos o derradeiro teleférico do día. Desde as alturas, admiraremos a impresionante ponte Vasco da Gama. Cae a tarde e, con ela, dicímoslle deica logo á cidade coa alma chea de saudade.

Lisboa é o destino de moda no sur de Europa
Ponte Vasco da Gama, espectacular obra de enxeñería moderna portuguesa

Máis info: visitlisboa.com / voyalisboa.com / visitportugal.com

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @mercadodecampodeourique, @marialvelos20