Sés: “Non son unha yonqui do prestixio social”

Sés, toda unha realidade da música galega

Nin é labrega nin bergantiñana, pero iso que importa. Ela é de aquí e de acolá. Catro anos e dous discazos e medio (non é que se sinta demasiado satisfeita co seu Admirando a condición) despois, Sés deixou de ser un verso solto no panorama musical galego para encarnar o pulo creativo da mocidade do país. María Xosé Silvar é aire fresco, pura enerxía. As súas cancións convértense en himnos e a súa retranca conquista a nov@s e madur@s alá por onde actúa.

Os concertos de Sés son adrenalina pura
Sés en concerto, toda unha experiencia

Entre concerto e concerto, conseguimos que nos fixese un oco para conversar con ela e non só descubrimos que é tan falangueira coma nos escenarios, senón que a corrección política… non é o seu. Spoiler alert: no seu próximo disco non hai sitio para o hip-hop. Unha mágoa?

Coolt.- Irreverente, activista, promesa musical, rebelde… quen é María Xosé Silvar máis aló das etiquetas?

Sés.- Pois unha tipa moi normal que, coma vós, tenta fuxir dos complexos e está  moi cansa xa de etiquetas. Eu son unha tía  de 33 tacos, que se criou nun barrio galego  e chegou por casualidade á  música. Isto último, o da casualidade, é o que me fai un pouco rara para a xente. Eu non me desvivín nunca por subirme a un escenario, non son unha yonki de prestixio social.

C.- Que tes un discurso claro e un estilo propio ninguén ousaría cuestionalo. E en materia de estética, tamén. Se non é moito preguntar, gustaríame que me contases a historia detrás das tatuaxes que loces.

S.- Pois hai varias, unha adelita da revolución mexicana, que para min simboliza a negación da nosa condición de segundo sexo; unha matroska sen pano na cabeza, homenaxe á  matrilinealidade, que non ao hembrismo, pero liberada desa imposición  patriarcal que cobre o pelo. E algunhas cousas persoais, familiares.

C.- Nos ’90 os Zapato Veloz puxeron un galego na Lúa e agora temos unha galega en Spotify, iTunes e mesmo na versión galega da Wikipedia. Un pequeno paso para a humanidade?

Sés mestura músicas nas súas cancións irreverentes
Sés canta en galego e para o mundo

S.- Mira, sabes que? O único paso foi facer as cousas esquecendo que as fago en galego, entendes? Os fancines españois falan de cultura europea en español, non consideran que se teñan que cinguir á realidade cultural española. O código non marca nada, eu non me fixo no idioma no que escrebo, é  o meu, pero falo máis  idiomas. Creo que o paso non é  Spotify nin ningún número, é  ser NORMAL dunha putísima vez.

Eu con 25 anos tiña máis  expediente académico que a maioría  con 40, o tópico ese do galego e a incultura…pssss…que queres que che diga?, non me identifica. Estudiei filoloxía, antropoloxía, fixen un master en lingüística; vivo na aldea, collo o sacho (aínda que non con moito estilo) se teño que collelo e collo tamén  un avión se quero ir até  Camden a mercar unha chupa.  O que quero dicer con todo isto é  que o meu paso non sería  nada se todos comezásemos a entender que somos normais, que somos do mundo e que todas as culturas teñen tópicos, pero non todos son tan gilipollas como para vivir sen cuestionalos.

Pódese facer música para o mundo en galego? OBVIAMENTE SI.

C.- Dis que escribes porque o precisas e decláraste hiperactiva (e orgullosa de selo). Abonda coa música para canalizar tanta creatividade ou agárdannos sorpresas no plano profesional?

S.- Escrebo moito, tamén  poesía, e ao mellor algún día  me atrevo a publicar algo, pero son tremendamente pudorosa.

C.- Uxía Senlle non dubidou en dicir que es o mellor que lle pasou á música galega en moitos anos. Ti decláraste admiradora de Mercedes Peón e reivindicas a túa alma de pandereteira. Para cando unha reunión de divas galegas?

S.- Reunímonos ás veces eu e Mercedes, pero como amigas. Eu non che son nada diva, creme, non estou á altura dela nin de moitas outras. Pero xa toquei con ela no “Desaramar” e ela sabe que ante calquera petición para min sería practicamente imposíbel dicer que non.

C.- Despois do blues, a milonga, o rock e os aires tradicionais, sinto curiosidade por saber se será no 2016 cando vexamos a Sés atreverse… co hip-hop. Hai novo disco no forno?

S.- Hip-hop, complicado…Pero si estou preparando xa outro traballo; compoño todo o tempo e non quero parar, non quero convertirme nunha desas persoas da música ás que lles gusta máis a popularidade que traballar.

C.- Descúbreme un lugar no que soñas con tocar, o primeiro que che veña á mente. E, pola contra, onde non irías actuar aínda que che ofrecesen todo o ouro do Perú?

S.- Pois mira, non soño con tocar en ningures, xa toquei en sitios que non podía  nin soñar. Realmente soño máis  con que todos os concertos sexan diante de xente que veña pasalo ben, e que veña escoitar sen complexos. Non aspiro a máis, honestamente.

A respecto da segunda pregunta. non sei… nun mitin de extrema dereita, tipo PP ou Ciudadanos.

C.- Vai chegando o momento de pechar a entrevista e despedirnos ata a próxima. Antes de facelo, anímaste a facer de madriña deste número inicial e darnos a túa bendición en 140 caracteres?

S.- O mellor dos desexos para unha realidade COOLT que parte da mellor das premisas: nacer sen complexos, desde unha identidade galega proxectada no tempo e no espacio, cara todo mundo e todo futuro.

@Ce_FerSan / Fotos: mariaxosesilvar.com