Son as relacións a varias bandas o último en citas?

'Cushioning' é a última mala praxe nas citas

O universo sentimental está patas arriba. A irrupción das webs para coñecer xente, as apps para mocear e os eventos para solteir@s con gana de emparellarse é só o bico do iceberg na revolución das relacións humanas da era dixital. O peor? Condutas que ata fai nadiña cualificariamos de aberrantes e deshonestas son agora lexitimadas como a nova tendencia en citas. Tan incrible como certo.

A lingua inglesa coloquial é rica en termos para actualizadas e definilas. Está, por exemplo, a coñecida como “benching” (de bench, banco). Traducido á linguaxe analóxica, refírese á procura dun plan B ao que recorrer se o principal falla. É aquilo de ter alguén na reserva, un obxectivo localizado por se a cousa se torce. Nada novo baixo o sol, se non fose porque dun tempo a esta parte mesmo resulta moderno. Trátase de darlle esperanzas a unha persoa (ou máis) mentres mantemos unha relación con outra, xerando unha tensión que poida que chegue a resolverse…ou non.

Logo están o “ghosting” e o “breadcrumbing”, dúas variantes dun fenómeno tan antigo como os camiños e que na actualidade se canaliza a través das redes sociais e as mensaxes de WhatsApp. Se o benching consiste en alimentar ilusións, o ghosting e o breadcrumbing (de ghost, pantasma, e breadcrumb, migalla) son máis ben todo o contrario. De súpeto ou de xeito gradual, respectivamente e dependendo da modalidade elixida, ese mozo ou moza en potencia c@ que semella que hai química deixa de dar sinais de vida, vólvese fuxidí@ ou contesta con evasivas.

É o punto final da relación? Nunca se sabe. A dúbida torturarans durante semanas ou meses. Poida que ata xere un efecto ioió ou rebote e que @ desaparecid@ rexurda das profundidades do smartphone de alí a un tempo. Poida.

Mais se hai unha palabra comodín no mundo das citas post-modernas, esa é “cushioning”. Velaquí a sublimación do benching, o breadcrumbing e o ghosting xuntos.

Segundo o Urban Dictionary, esa guía online do vocabulario anglosaxón da rúa (que tarde ou cedo rematamos importando), trátase dunha

técnica de moceo na que xunto á parella principal, tes tamén varios “coxíns”, outra xente coa que falas ou á que lle fas as beiras para amortiguar o impacto potencial da ruptura co plan principal e así non quedar só/soa.

Isto, que explicado deste xeito pode soar ao clásico “non poñas todos os ovos na mesma cesta” castelán, está considerado como o súmum das malas prácticas na nova arte de amar. O que non quere dicir que non haxa quen tente buscarlle unha explicación razoada.

Por exemplo, sostendo que xogar a varias bandas ou navigar entre relacións simultáneas é un síntoma da paradóxica soidade que vivimos na era da hiperconexión. Practicar cushioning coas citas sería un recurso para construír un escudo fronte a un hipotético rexeitamento ou abandono. Para evitar ser deixad@, que mellor que procurar uns cantos coxíns emocionais cos que limitar os danos?

Os avances dixitais tamén condicionan as citas
Están a mudar as regras de xogo nas relacións sentimentais?

E a todo isto, os poucos testemuños de “cushioners” que se van coñecendo non fan máis que avivar o lume da polémica. Como defensa, o impacto positivo que a presenza deses plans de substitución teñen sobre a súa parella “oficial”. As frustracións, os medos e a carga negativa da personalidade é soportada por aqueles, quedando liberad@s para cultivar unha “fermosa” relación coa persoa A.

Se @s nos@s antepasad@s levantaran a cabeza…

@Ce_FerSan