Stephanie Danler: “Cando miro o libro, vexo un mapa das miñas lecturas”

Stephanie Danler é a revelación das letras norteamericanas

Entrevistar a Stephanie Danler impón un chisco. Non pola súa actitude -relaxada, afable, accesible-, nin sequera pola súa presenza física. Mais non é doado esquecer que unha se atopa cara a cara cunha escritora de récord. A falla de confirmación oficial -pois falar de diñeiro e contratos publicamente non resulta de bo ton-, pasa por ser a escritora que en 2016 fixo saltar a banca da industria editorial norteamericana. Toda unha “million dollar woman”.

Longos anos de dedicación case exclusiva ao universo da restauración servíronlle a Stephanie Danler non só para desenvolver unha exquisita educación do padal e un gran sentido das formas e os modais, senón para cultivar a fondo a súa curiosidade polo comportamento humano. Desa aprendizaxe vital nace a súa primeira obra, Dulceagrio (Malpaso, 2017), un suculento retrato do microcosmos que son as cociñas neoiorquinas.

Cunha adaptación para o cine ou a televisión no forno e á procura de tempo e inspiración para volver á ficción, atopámonos con ela en plena xira promocional. Como unha estrela do rock.

Coolt.- Como senta conseguir o contrato editorial máis comentado dos últimos anos e converterse nunha escritora a tempo completo?

Stephanie Danler.- Todo se resume en sentirse agradecida e abafada na mesma medida. Aínda me lembro do asustada que estaba ao volver á escola e escribir, e do cerca que me sentín de fracasar, así que non dou nada por feito. Por outra banda, escribir a tempo completo non é necesariamente para toda a vida. Dulceagrio é só o comezo da seguinte fase da vida.

C.- A frase que abre Dulceagrio é simplemente deliciosa. Como se che ocorreu? Foi complicado atopar a indicada? Que outras alternativas barallaches?

S. D.- Nunca houbo unha alternativa. Cando se me ocorreu a franse “desenvolverás un padal”, pensei “aquí está o libro enteiro”. O argumento no seu conxunto está condensado nesa frase. Ela desenvolve un padal, non sucede nada máis. A novela naceu do meu desexo de expandir esa metáfora.

Stephanie Danler é toda unha promesa da literatura nos EEUU
Despois de trunfar en EEUU, Danler deu o chimpo internacional

C.- Tess, o personaxe principal da novela, múdase a Nova York buscándose a si mesma e comeza a traballar como camaneira. Trunfando nunha cidade así de grande require moita determinación, vontade e forza. Pero sempre está a ameaza da soidade…

S. D.- A soidade non é unha ameaza, é unha garantía. E tamén é unha experiencia importante para o desenvolvemento de calquera. Penso que aprender a pasar tempo con unha mesma, gozar da soidade é un dos pasos cruciais para unha vida plena. Pero, si, enfrontarse a iso ou aceptalo require determinación, por suposto. Tess é moi valente.

C.- Lin que defines Dulceagrio como unha mestura dunha novela de iniciación e unha gastronómica. Os libros de iniciación en feminino non son moi abundantes. Por algunha causa en particular?

S. D.- Son cada vez menos raros, pero aínda hai esta idea de que os homes non van ler unha novela de iniciación feminina. Por suposto, como mulleres, medramos lendo novelas de iniciación masculinas (O vixía no centeo, O sol tamén saeMoby Dick), pero non o consideramos como “literatura para homes”.

Creo que prosa interesante e potente debería atraer os lectores sen distinción de xénero.

C.- Sen seren unhas memorias ou unha autobiografía, inspíraste na túa propia vida. Hai xente que di que para escribir se precisa unha vida que mereza ser contada.

S. D.- Non estou segura de concordar con iso. Hai moitos escritores que viven nos bosques e teñen imaxinacións fértiles, salvaxes. Pero si que penso que para tratar temas delicados (o amor, a dor, a felicidade) si que precisas ter unha certa experiencia acumulada. Lembro que, cando tiña 19, me puxen cun relato sobre a infidelidade nun matrimonio e o meu profesor me dixo: “aínda non maduraches dabondo para este material”. Nese momento, sentinme ofendida, pero tiña razón. Precisei os dez anos despois dos 22 para procesar o que aquel período da miña vida significou.

A primeira novela de Stephanie Danler é un fenómeno editorial
As luces e as sombras de Nova York son o eixo da súa primeira novela

C. Nunha ocasión afirmaches que escribir non é máis que unha simple conversación cos libros que che gustan. Con cales dialoga Dulceagrio?

S. D.- Con tantos! Estoulle falando a Henry James, por suposto, coa súa épica iniciación, Retrato de una dama (en español). Como non, falo con Jay McInerney e o seu Luces de una gran ciudad (en español). Falo co ensaio de Joan Didion Adiós a todo eso (en español) e a Noches sin dormir (en español), de Elizabeth Hardwick. Pero tamén aos increíbles ensaios culinarios e persoais de MFK Fisher en Mi yo gastronómico (en español). Vexo pasaxes e veo poetas aos que me estou dirixindo: Frank O’Hara, Louise Gluck, Jorie Graham, Jack Gilbert, Keats, e así. Cando miro o libro, vexo un mapa das miñas lecturas.

C.- A túa primeira novela xa é un éxito mundial. O listón está alto, así que pregúntome se sentes presión agora que se rumorea que andas a traballar na seguinte.

S. D.- Por fortuna, non sinto ningunha presión externa. Sinto unha presión interna para poñerme a escribir de novo. Levo de xira -case sen parar- durante un ano. É un privilexio incrible, por iso digo que si a todo, pero non é bo para escribir. Estou ansiosa por facelo de novo. Polo momento, déuseme bastante ben acalar o ruído de fóra.

C.- Sen caer en spoilers,  será algo relacionado con Sicilia?

S. D.- No, xa me gustaría! Estou desexando escribir sobre Sicilia. Pero o meu próximo libro é de non ficción e trata sobre o dano e as secuelas de medrar con adictos.

C.- Por certo, cambiando de tema: de onde che vén a túa paixón polo xerez?

S. D.- Vénme de Xerez, da orixe! Durante moitos anos, fun compradora de viño español e namoreime do xerez desde que probei por primeira vez La Gitana. Anos máis tarde, conseguín facer unha ruta polo triángulo do xerez, e penso que é un dos viños máis complexos e pouco valorados do mundo.

@Ce_FerSan | Fotos: Cortesía de Malpaso Ediciones