Tidal, máis que música en streaming (coa beizón de Beyoncé)

Tidal é a nova plataforma de música

Unha plataforma que pretende combater o reinado absolutista de Spotify. Vaia novidade. E é que non é a primeira vez que se anuncia a bombo e platos a alternativa (case) definitiva. Así que Tidal podería pasar por un intento máis de non ser pola incrible campaña de marketing que a apoia. Porque, a dicir verdade, quen pode presumir de ter entre @s accionistas da súa start-up a toda unha Beyoncé?

Que a cantante texana é unha Midas dos negocios non é ningún segredo. Para mostra, a súa exitosa liña de roupa deportiva Ivy Park. Un bo ollo que comparte con outr@s compañeir@s de profesión como Rihanna, Madonna ou o seu propio marido, Jay-Z. A última inversión financeira de tod@s é Tidal, e, só con comprobar cantos nomes de nivel máis ten entre os seus promotores, o certo é que dá gana de darlle unha oportunidade. A plataforma aínda acaba de botar a andar en España, e vén precedida dun enorme ruído. E é que xa se contan por milleir@s @s seus/súas entusiastas… e detractores/-as.

Adquirida en 2014 por Jay-Z e sometida a un lavado de cara que deu na versión actual lanzada un ano máis tarde, Tidal chegou como a resposta dun sector da industria musical norteamericana -o máis poderoso, se temos en conta o volume de ingresos d@s que o integran- á ditadura de Spotify. Acusaban ao xigante da música en streaming de non retribuír adecuadamente as súas cancións, por moito que estivesen a xerar millóns de descargas nalgúns casos.

Querían cambiar o reparto da torta dos dereitos sobre as escoitas, e querían facelo ofrecendo ademais un material de alta calidade. Así, @s intérpretes, compositores/-as ou produtores/-as  adherid@s reciben hoxe ata un 70% dos réditos xerados. Á lista de estrelas mencionada, sumáronse rápido outras como Coldplay, Calvin Harris, Daft Punk ou Jaden Smith.

Tidal conta coa apoio da industria da música norteamericana
Conseguirá Tidal poñer en risco o dominio do mercado de Spotify?

Destripando Tidal

Malia que, en aparencia, Tidal non deixe de ser un arquivo de música online e en streaming ao estilo de Spotify ou de Humm, cunha configuración e unhas opcións de navegación estándar, o seu funcionamento é notablemente distinto.

Se Spotify confía á súa versión gratuíta a captación de usuari@s, a plataforma promovida por Jay-Z e cía. opta por ofrecer un servizo de pago. Esa característica, que en teoría lle resta capacidade competitiva, é o seu principal sinal de identidade, pois é o prezo de gozar dunha experiencia libre dos molestos anuncios que a miúdo interrompen as listas de reprodución en streaming. Adeus á publicidade.

A taxa mensual (que varía dependendo de se se contrata Tidal cos paquetes de datos de Vodafone, na propia web da plataforma ou nas tendas online de Google e Apple) dá acceso a máis de 52 millóns de cancións e por enriba de 200.000 vídeos musicais. Pero que ninguén se precipite a xulgala como unha mestura de YouTube e Spotify, porque vai moito máis alá.

Ademais de poñer a disposición d@s usuari@s contidos exclusivos e unha calidade de son propia dun estudo de gravación (pequeno detalle que, por desgraza, consume datos á velocidade da luz ao usar Tidal nun dispositivo móbil), inclúe emisións en directo de actuacións, acceso a eventos únicos, entradas gratis ou concertos en streaming para fomentar unha maior conexión entre artistas e fans.

A orixinalidade chega tamén ás listas de suxestións, que son calquera cousa menos mainstream. Nada de éxitos de masas e cancións do verán. As recomendacións baséanse en criterios de corte melómano e mesmo didáctico, recuperando, por exemplo, figuras de produtores/-as esquecid@s.

Tidal é, en definitiva, un servizo gourmet de música. Orientado a padais exquisitos e que non recean pagar por unha versión refinada de Spotify, só o tempo xulgará se o modelo pode chegar a callar ou se rematará indo coa música a outra parte.

@Ce_FerSan | Fotos: tidal.com