Tira da manta e sácaa á rúa… con estilo

As mantas saen á rúa como prenda de abrigo

Primeiro foron o chándal e as zapatillas de deporte, que abandonaron o reducido espazo do confort caseiro para reivindicar unha nova interpretación do chic relaxado. Logo chegaron as babuchas, convertidas en calzado fetiche. O asalto ás pasarelas da roupa de andar pola casa culmina este inverno cun golpe de efecto maxistral: botar a manta por enriba e saír pola porta coa cabeza ben alta. Ande eu quente, e que se ría a xente…

Esta é a crónica dunha tendencia anunciada. O xigantismo que leva varias temporadas afectando a bufandas e pashminas, gañando centímetro a centímetro relevancia nos outfits invernais, só podía derivar nun malabarismo estilístico de proporcións estratosféricas. E, nesa nova dimensión do culto aos panos oversize, era inevitable que estes mutasen nalgo aínda máis desconcertante. Asistimos á elevación aos ceos da moda da manta como complemento.

As mantas teñen xa versión de baixo custo
Zara propón a súa propia interpretación da tendencia

Do mesmo xeito que Marcel Duchamp creara A fonte (1917) descontextualizando un ouriñal e facéndoo pasar por unha fonte, así pretenden axitar os lindes dos códigos da vestimenta as firmas que reivindican unha dimensión pública para a roupa da cama.

Atrás quedou a patética imaxe dunha Bridget Jones con resaca post-Nadal lamentando a súa sorte cuberta por un edredón a xeito de casulo. Se os pixamas de dúas pezas e os camisóns de satén deron fai uns anos o chimpo á categoría de prendas aptas para o uso fora da casa, era cuestión de tempo que as mantas iniciasen o camiño da emancipación.

A máis firme defensora do xiro sofisticado das mesmas é Phoebe Philo, quen fixo delas o complemento estrela da colección de prêt-à-porter para o inverno 2017 de Céline (a súa derradeira na maison francesa, agora que se fala da súa saída inminente). Confeccionadas en la, lisas ou con lemas estampados, póñenlle o contrapunto a unhas propostas baseadas en siluetas fluídas, que evolucionan entre a clásica sobriedade parisiense en vestidos e gabardinas e a influencia da estética masculina en camisas, chaquetas de smóking e pantalóns de pinzas.

A manta convértese grazas a Céline en imprescindible
A derradeira peza viral de Phoebe Philo para Céline: a manta

Lonxe desa interpretación chea de glamour, Raf Simons opta por recuperar as mantas para a causa country da presente temporada en Calvin Klein. Na súa exploración dos elementos folclóricos tradicionais norteamericanos, non podían faltar as colchas con motivos étnicos indios, ben sexa para vestir ou para ambientar os espazos do Far West sobre a pasarela. O soño americano que encarna a firma neoiorquina embárcase nunha viaxe estética ao pasado para comungar coas súas raíces.  

Calvin Klein aposta tamén polas mantas
Kaia e Presley Gerber protagonizar a campaña máis vaqueira de Calvin Klein

Tamén no propio ADN de Burberry se atopa a manta como fórmula extrema de abrigo. A marca de gabardinas icónicas fai tempo que diversificou o seu catálogo para introducir populares -e imitadísimos- accesorios, entre os que destacaban as bufandas de caxemira. Nelas está o xermolo da versión XXL pola que aposta este outono-inverno, substituta temporal das capas e ponchos que fixeron de Burberry un imprescindible no roupeiro d@s influentes da moda en anos anteriores. 

Burberry propón unha manta de cadros
Da bufanda de cadros á manta de Burberry

Homes e mulleres ven homoxeneizados os seus looks para a época de frío a través de propostas como as de Balenciaga, co imprescindible toque lúdico e subversivo que Demna Gvasalia imprime aos seus traballos. Almofadadas e combinadas con prendas deportivas, perpetúan o novo idilio entre o espírito da rúa e a firma francesa.  

Balenciaga propón mantas para eles e elas
Balenciaga afonda na súa desenfadada interpretación do cotiá

Da bata-manta das canles de venda televisiva á manta como penúltimo desafío ao canon do vestir, a (r)evolución doméstica acadou o seu clímax. 

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @irinalinovich, @celine, @calvinklein, @burberry, @balenciaga / zara.com