Trenzas de espiga e outros peiteados moi TOP

No desfile de Chanel Prefal 2018, triunfou esta trenza

Despois de meses asistindo á expansión de opcións capilares radicais (lembremos a cabeza rapada de Cara Delevingne, o corte punk de Kirsten Stewart ou o pixie platino de Katy Perry), semella que o ciclo das tendencias rebaixa a intensidade e vira cara a formulas clásicas e cun punto de dozura. Toma nota dos peiteados cargados de nostalxia que están por volver en 2018.

O desfile de Métiers d’Art de Chanel en Hamburgo en decembro de 2017 deixounos a primeira delas, cortesía do peiteador Sam McKnight: o eterno retorno das trenzas de espiga. O tempo das boxer braids, co seu inevitable aire combativo, está a chegar á súa fin e a súa versión romántica prepárase para substituílas. Tamén coñecidas como fishtail braids (literalmente, “de cola de peixe”), caracterízanse pola súa finura e a delicadeza do seu trazo. Para aprender a facelas, nada como seguir os pasos do making of  do propio McKnight no backstage de Chanel ou dun dos centos de titoriais que xa poboan a Internet.

Courtain fringe

Se as trenzas son o peiteado de moda, as franxas son o elemento estilístico por excelencia. Que teñen en común Alexa Chung, Brigitte Bardot, Jeanne Damas e Jane Birkin? Pois unha inspiradora courtain fringe capaz de darlle un toque desenfadado e orixinal a calquera melena. Seguindo o seu exemplo, a franxa ao xeito dunha cortina lévase longa, caendo sobre os ollos, e ábrese en dous na fronte mentres se fusiona co resto do cabelo nos laterais. Puro charme que non precisa de mantemento nin de coidados especiais.

Entre os peiteados de 2018 está a franxa de cortina
A influente Jeanne Damas recolle o testigo estético de Jane Birkin

Rizos anos 80

Xa estaba tardando en vivir un revival a estética capilar dos 80, e non será porque Anthony Vaccarello para Yves Saint Laurent non leve tempo invocándoa. Pensa en Whitney Houston e a súa eléctrica cabeleira no videoclip de I wanna dance with somebody ou en Jennifer Beals en Flashdance. Si, os rizos salvaxes están de moda como contrapunto á ditadura do alisado extremo. E como toda tendencia actual precisa o seu referente, as redes nomearon a polifacética Zendaya (ex-Disney Channel) a diva do cabelo rizado. Orgullosa del, publicou recentemente un vídeo na súa canle de Youtube onde dá trucos para imitalo.

Entre os peiteados de tendencia, os rizos dos 80
Zendaya reivindica os seus rizos naturais e poténciaos ao estilo anos 80

Cor root beer 

Vale, a coloración root beer non entra dentro da categoría de peiteado, pero non podiamos omitila nunha lista das tendencias que marcarán os cabelos en 2018. Baixo a súa exótica e alcohólica denominación (vén significando “cervexa de raíz”, é dicir, zarzaparrilla), agóchase unha nova exploración dos lindes do moreno estándar. Xogando sobre a cor castaña media tirando a escura de base, engádense mechas de tipo sunlight en tons caramelo, dourado ou cobre aplicadas coa técnica do balayage. O resultado é unha melena en relevo e luminosa, mais sen estridencias. Moi do estilo de Kate Middleton, por exemplo.

Os peiteados de moda levan este tinte moreno
A modelo emerxente Kaia Gerber marca tendencia co seu moreno

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @sammcknight1, @jeannedamas, @zendaya, @kaiagerber