Un arquivo de patróns online para amantes do vintage

O maior arquivo de patróns 'vintage' xa está dispoñible

Cando a paixón polo DIY (“do it yourself”) se xuntou co gusto pola estética vintage, xermolou unha das ferramentas de documentación online máis potentes e útiles que teñamos coñecido. Vintage Patterns Wikia é un arquivo visual que comprende décadas e décadas de deseño europeo en forma de patróns. Por se alguén se anima a confeccionar o seu propio vestido Mondrian ou un bikini ao estilo Ursula Andress, velaquí toda a axuda precisa.

Ah!, a roupa vintage. Ao tempo que a moda adquire características futuristas -materiais experimentais, tecidos técnicos, cortes que poñen en cuestión a silueta clásica etc.-, miramos cada vez con máis nostalxia as prendas que marcaron épocas anteriores.

O verán de 2017 deixounos, entre outras micro-tendencias, a recuperación do chamado “tea dress”. Esa prenda de liñas sinxelas, aires proletarios e vocación pragmática trouxo aos nosos roupeiros unha inesperada pílula do estilo dos anos 40 e 50. Balenciaga e Yves Saint Laurent, pola súa banda, somérxense unha temporada máis na memoria estética dos anos 80 e 90 para construír as súas últimas coleccións de prêt-à-porter.

O 'vintage' é parte da memoria da moda
Ombreiras, xogos de volumes e estampados rechamantes nos patróns dos 90

A volta ao pasado é unha fase inherente ao ciclo do deseño, e, se neste momento o retro é a nova modernidade -a post-modernidade en si mesma-, un arquivo de patróns vintage revélase como un potente filón creativo.

Calquera prenda que teña máis de vinte e cinco anos de historia ás costas -algo meritorio na era da moda rápida- forma parte automaticamente dos fondos reservados do vintage. Así o dita a definición non escrita deste termo, recorrente na información especializada dos nosos días.

Pero, para chegar a iso, podemos tomar un pequeno atallo. Se a roupa de coleccionista está fóra da nosa órbita ou se o mercado de segunda man non é do noso gusto, Vintage Patterns Wikia ofrécenos a posibilidade de fabricar o noso propio arseal. Non terá o selo de autenticidade, mais ninguén ousará negarlle o seu encanto.

Miles de patróns 'vintage' constitúen esta biblioteca
Volven as revistas de moda que usaban costureiras e xastres

Esta verdadeira biblioteca do deseño clásico -que parte da década dos anos 20 do século XX- ten un funcionamento moi similar ao da Wikipedia ou a Galipedia. É colaborativa e participativa, e os arquivos que a compoñen (superou xa a fronteira dos 80.000) van desde versións dixitais de revistas de patróns parisienses ata exemplares de Givenchy, Dior ou Yves Saint Laurent. Está organizada por prendas, marcas, década e estación; e mesmo comprende unha sección de blog para intercambiar información e dúbidas, así como recursos audiovisuais.

Interesad@s ou non pola costura, Vintage Patterns Wikia é toda unha viaxe pola historia da moda contemporánea. E paga a pena facela.

@Ce_FerSan | Fotos: vintagepatterns.wikia.com