Unha app para vestirse sen mirar ao ceo? Whatoweather

Whatoweather, a app do tempo e a moda

Unha app para coñecer o prognóstico do tempo: nada novo. A App Store e Google Play están cheos de propostas relacionadas coa meteoroloxía. Grazas á xeolocalización, cóntannos ao momento se se está a producir algún cambio atmosférico na nosa área. Pero e se a iso lle engadimos un servizo de asesoría de moda adaptado á predición? Pois obtemos Whatoweather, a aplicación móbil que nos axuda a vestirnos sen temor a ir na contra dos elementos.

A roupa e o tempo atmosférico están moi ligados (excepto para @s hipsters, eses seres que atopan un incomprensible pracer en levar gorro de la en agosto e ir sen calcetíns en pleno decembro). Que mañá ameaza con chuviscar a primeira hora? Entón haberá que sacar a gabardina e deixar as bailarinas no zapateiro. E se pola contra estamos baixo a influencia dun anticiclón e vai unha calor abafante, que non falten as sandalias e as gafas de sol.

4gotas lanza a app Whatoweather
Whatoweather, a app d@s amantes da moda e a meteoroloxía

Para axudarnos a acertar coa elección están as apps (para @s amantes do dixital) e os partes metereolóxicos (para @s que viven en analóxico). Segundo a información que nos dean, así escollemos unhas prendas ou outras. O problema chega cando temos tantas opcións que se nos complica a decisión. Ou cando non nos atopamos inspirad@s e fantaseamos con que unha fada madriña nos tope coa súa variña para transformarnos na versión estilosa de nós mesm@s.

Beatriz Hervella e Carlos F. Balseiro teñen a solución: a app Whatoweather, dispoñible para dispositivos con sistema iOS e tamén para Android. Estes dous profesionais da meteoroloxía teñen por obxectivo darlle un toque creativo e innovador á información do tempo, misturándoo neste caso coas tendencias de moda.

Whatoweather axuda a elixir roupa
Inspiración para un look inmaculado

Esta aplicación gratuita preséntase como a ferramenta indispensable para non volver pasar frío ou ter que arrepentirnos de quitar as medias antes de tempo. Polo de agora tan só conta cunha versión para o público feminino, a cargo de Beatriz Hervella na creación e edición dos contidos. E dentro dela pódense atopar múltiples funcións que nos farán máis doada a escolla dun outfit adecuado e ben moderno.

Whatoweather inclúe a temperatura máxima e mínima, xunto cos cambios previstos para a mañá e a tarde nun lugar dado. Así saberemos que tempo fará onde vivimos, por exemplo. A parte da moda vén da man de seccións de inspiración e organización. Podemos votar as nosas prendas favoritas, descubrir as máis desexadas polo resto dos usuari@s, comprobar o que máis gusta no “Top 10”, compartir combinacións de roupa nas redes sociais ou someter a exame o noso armario e averiguar se estamos post@s nas tendencias. (Nota: para votar é preciso rexistrarse).

Cada unha das prendas que contén a app leva un enlace á tenda online da marca correspondente, co que facilita tamén a compra. Deste xeito, as suxestións de Whatoweather convértense en realidade en tan só un clic.

Se buscas un xeito de sobrelevar a meteoroloxía con estilo, dálle ao botón de inspiración.

@Ce_FerSan / Fotos: whatoweather.com / Facebook facebook.com/Whatoweather