Unha nova tribo urbana está nacendo: @s yuccies

Os yuccies son os novos hipsters

Na era da precariedade laboral, das start ups, da marca persoal e do talento feito a si mesmo, non podía tardar en aparecer un novo prototipo social que encarnase os valores nacentes. Baixo a etiqueta “yuccie”, coñécese xa á última tribo urbana, o último obxecto de desexo para grandes marcas e corporacións. Démoslle a benvida.

En 2015, a escritora estadounidense Michelle Miller facía o seu particular diagnóstico da sociedade actual en The Underwriting, representada por catro persoas entre 25 e 35 anos, con sede de éxito laboral e unha firme conciencia da satisfacción persoal. Para Miller, esta novela -a medio camiño entre The Social Network e The Wolf of Wall Street– fala das aspiracións da nova xeración, esa que “pasa unha hora navegando pola Internet, 30 minutos realizando compas online e 40 minutos confeccionando o menú do día seguinte”.

Segundo ela, é xente que procura o pracer no traballo, que aposta pola solidariedade, que vive mergullada nas redes sociais e que está enganchada ao deporte e á alimentación equilibrada. Para definil@s, Michelle Miller acuñou o termo “muppie”, resultado de unir “millennial” e “yuppie”. A proposta non callou, mais o concepto comezou a asentarse.

Uns meses despois, “muppie” converteuse en “yuccie”, e deu en reclamar a atención de cada vez máis analistas, insistindo en elevar esta filosofía de vida á categoría de herdeira natural do esgotado “hipsterismo”.

David Infante publicaba entón un artigo en Mashable -o blog sobre redes sociais máis influínte- no que asinaba a acta de defunción d@s hipsters e anunciaba a chegada dunha nova tribo urbana (na que el mesmo se incluía). Segundo el, @s moz@s che@s de enerxía e de creatividade, con sólidos valores -como a conciencia ecolóxica- e unha igualmente sólida formación intelectual simplemente non se senten cómod@s xa coas connotacións adquiridas pola palabra “hipster”. Por que non auto-denominarse “yuccies”?

Os yuccies son a tribo da que todos falan
Talento, ambición, pragmatismo: así se define esta nova tribo urbana

Así xurdiu o anglicismo de moda, acrónimo de “young urban creatives“. Os seus principais rasgos teñen moito en común coa definición feita por Michelle Miller desta nova vaga da Xeración Y. Nacid@s nas cidades, criad@s con tódalas comodidades, cunha educación que @s “empodera”, convencid@s da necesidade lexítima de loitar polos seus soños… e de facer deles o seu medio de vida. Cren na autonomía creativa -esa liberdade do século XXI-, e o seu obxectivo pasa por enriquecerse rápido sen ter que renunciar a ela. Soa a Mark Zuckerberg, así como a tant@s e tant@s habitantes da meca millennial por excelencia: Silicon Valley.

Identificando @s yuccies

  • Fan vida social a través de Instagram e Facebook (Twitter non existe no seu universo).
  • Gústalles viaxar, entrar en contacto con outras culturas e coñecer a súa gastronomía.
  • Teñen un longo currículo, con traballos do máis diverso, e o seu horizonte é montar o seu propio -e exitoso- negocio.
  • O tempo de lecer dedícano a practicar ioga e running.
  • Priorizan a saúde e o benestar, polo que lle dan moita importancia aos produtos ecolóxicos, os “superalimentos”, etc.
  • Manifestan a súa conciencia ecolóxica a practican a reciclaxe
  • Visten roupa de firma, pero non seguen as tendencias ao pé da letra
  • A tecnoloxía é imprescindible no seu día a día (smartphone, PSP, tableta, wearables)
  • Viven o día a día, sen preocuparse polo futuro

@Ce_FerSan