Upcycling, a tendencia que vai máis aló da reciclaxe

O upcycling úsase para decorar a baixo prezo

Renovarse ou morrer: quen non escoitou algunha vez esta frase?  E non hai mellor síntese para referirse ao upcycling. Trátase dunha actividade que, con enxeño e creatividade, transforma en algo novo materiais e/ou obxectos que foron perdendo valor ou uso. Non só podemos aforrar diñeiro ao producir nós mesm@s as nosas cousas, senón que tamén colaboramos co medio ambiente. Porque o upcycling (algo así como “supra-reciclaxe”) ten por fundamento optimizar os recursos e evitar o dispendio das materias primas, prolongando a vida útil dos obxectos que nos rodean.

Pero vexamos cal é a orixe desta tendencia.

Upcycling é unha palabra de orixe anglosaxoa que poderiamos traducir como “reutilización”, é dicir, darlle un mellor propósito a un elemento que xa non serve para a súa fin inicial. A idea de facelo non é algo que se lle ocorrese á sociedade actual (mal que nos pese). En épocas de austeridade, con escaseza de medios materiais e económicos, era habitual que as familias botasen man unha e outra vez -e de mil maneiras distintas- dos aparellos, ata que non podían aproveitarse máis.

O upcycling une reciclaxe, arte e ecoloxismo
En Sea Arts & Crafts atopamos decoración a base de madeira recuperada

Algúns dos mellores exemplos dese upcycling menos sofisticado témolos en Galicia, onde facemos dun somier unha cancela e dun vestido, un mandil.   E é que na actualidade segue habendo motivos para cultivar esta afección: polo aforro, pola vertente estético-artística e polo seu impacto positivo na natureza.

Tanto é así que para moit@s é xa unha forma de vida, malia que aínda nos custe diferenciar entre o upcycling, a reciclaxe e a reutilización. Poñamos por exemplo que mercamos unha botella de refresco. Se ao rematala a enchemos de auga ou doutra bebida, estariamos reutilizando, pois mantemos o propósito inicial do envase. Pero se a tiramos no colector de lixo de cor verde, iso sería reciclar. De alí iría á planta de tratamento, onde sería transformada (o que os ingleses chaman downcycling). E se optamos por facer da botella un floreiro, dándolle así un uso distinto ao orixinal e outorgándolle novo valor e uso, estariamos practicando o upcycling.

Os palés son un dos materiais fetiche do upcycling
Facer unha fermosa hucha con palés é posible!

Desde simples maceteiros a partir de lámpadas incandescentes ou pneumáticos en desuso a mobles de xardín feitos de palés vellos, pasando polo “customizado” da roupa para ir adaptándoa ás modas, os exemplos desta tendencia son innumerables. A Internet en xeral -e redes sociais como Pinterest ou Flickr, en particular- é unha fonte inesgotable de inspiración, permitíndonos coller ideas para logo crear pola nosa conta. Tal é o caso de Upcyclethat.com, Yonolotiraría.com e Sea Arts & Crafts, tres bos exemplos de perfís enteiramente adicados ao upcycling.

A moda, a decoración do fogar, mesmo o mobiliario, a xoiería e a arquitectura teñen na “supra-reciclaxe” un bo aliado.

Noelia C. Gosende @Gosendee / Fotos: upcyclethat.com / Facebook facebook.com/seartsandcrafts