Velaquí @s millennials da literatura galega

Presentamos a xeración Y da literatura galega

Teñen menos de 35 anos, naceron practicamente cun smartphone na man, a Internet é o seu medio natural, e desde moi nov@s entraron en contacto coa escena cultural galega: este ben podería ser o retrato robot da vaga millennial da nosa literatura.

Falar de escolas, tendencias ou xeracións literarias semella ter perdido o seu sentido. Hoxe en día é moi complicado conseguir meter no mesmo saco a algo máis que unha manchea de escritores e escritoras. Porque, fóra dun espazo, unha lingua ou un tempo en común, custa atopar elementos para un todo homoxéneo. Algo así é o que acontece con esa especie de Xeración Y que está a introducir aires de renovación na literatura galega. Cada un(ha) do seu pai e da súa nai, nesta lista son tod@s @s que están, pero non están tod@s @s que son.

Ismael Ramos

Botarlle unha ollada ao seu perfil de Instagram é caer rendid@ ante o seu abafante sentido estético. Ismael Ramos vive a literatura, e, entre unha morea de lecturas propias e alleas, dálle forma a uns versos que a crítica cualifica dunha extraordinaria madurez. Este poeta, que naceu “tres días despois da morte de Kurt Cobain”, está en boca de tod@s grazas a Os fillos da fame (Xerais, 2016), todo un supervendas.

Ismael Ramos, unha das novas voces da literatura galega
O blog de Ismael Ramos, O triste Stephen, non ten desperdicio

Antía Otero

Dicir Antía Otero é dicir Apiario, ou, canto menos, o seu 50%. Xunto con Dores Tembrás dirixe esta editorial independente especializada en poesía. De feito, súa é, en parte, a responsabilidade do bo momento deste xénero en Galicia. Pero Antía Otero non se conforma con ver os touros desde a barreira; ela é tamén muller de acción. E menuda acción. Na súa traxectoria hai un pouco de todo: escrita, arte, interpretación. O seu poemario máis recente, O cuarto das abellas (Xerais, 2016).

Gonzalo Hermo

O currículo literario de Gonzalo Hermo vén marcado polos premios. E é que este rianxeiro da fornada do 87 colleitou xa numerosos recoñecementos, e non só en Galicia. Entre os mesmos, o Premio da Crítica 2014 e o Premio Nacional Miguel Hernández 2015. Como referentes seus, recoñece a influencia de Chus Pato, Antón Lopo, José Ángel Valente, Antonio Gamoneda ou Anne Carson. Celebración (Apiario, 2014) é a última obra publicada deste poeta que descubriu a súa vocación lendo a Rosalía.

Entre as novidades da literatura galega, Patricia Mallo
Patricia Mallo, unha escritora de futuro

Patricia Mallo

Ao boom experimentado pola literatura infantil galega na última década veu sumarse en 2016 un novo nome: Patricia Mallo. Esta “escritora a tempo parcial“, tal e como ela mesma se define, debutaba con Os Cabezombis na Mansión Espello (Galaxia, 2016). Os seus ingredientes eran unha boa dose de humor, misterio e fantasía. Agora que está a barallar a posibilidade de crear unha serie para preadolescentes a partir desta obra, de seguro seguiremos oíndo falar dela.

Iria Misa

Xa non estou aquí (Xerais, 2016), a primeira obra publicada de Iria Misa, vén de gañar o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Nun xénero que en Galicia estivo tan ben representado por Agustín Fernández Paz, é refrescante atopar novas voces como a súa. O seu debut é un retrato do complexo universo da adolescencia: medos, inquedanzas, hábitos, perspectivas de futuro… Sentimentos universais baixo unha apariencia de misterio.

Fotos: Instagram @ismaelramosc / editorialgalaxia.gal