Vero Boquete: “Seguimos marcados polo machismo”

Vero Boquete é a deportista galega do momento

O fútbol é o deporte máis popular, ese que atravesa fronteiras e une xente de distinta orixe, pensamento ou credo arredor dunha mesma mesa e baixo unha mesma bandeira para festexar algo tan simple e á vez tan elaborado como un gol. É o deporte rei, e a súa raíña -sen dúbida- chámase Vero Boquete. Anos de éxitos e conquistas persoais danlle forma á súa particular coroa, que polo de agora ninguén ameaza con disputarlle.

Desde ben nena soñaba con chegar a ser unha figura do balón, con converterse nunha profesional desta disciplina deportiva e dicir con orgullo que ela si o conseguira. Talento, paixón e compromiso non é que lle faltasen. E indo de aquí para acolá, de clubs españois a outros estranxeiros, e volta para Europa, foise facendo a lenda da mellor futbolista española de todos os tempos. O sorriso delátaa: rozou a gloria profesional coa xema dos dedos e sóubolle doce. Como doces son as palmeiras de masa de follado que petisca en días sinalados.

Nun deses, e en plena preparación do Campus Vero Boquete para nen@s que organiza cada verán en Porto do Son, atopámonos con ela.

Coolt.- Medalla de Ouro de Galicia 2015, cun papel destacado na selección de fútbol feminina española e unha fichaxe mediática. Pódese dicir que o ano pasado asistimos á eclosión de Vero Boquete ou o mellor está aínda por chegar?

Vero Boquete.- Pódese dicir que o 2015 foi un ano fantástico, o mellor e o máis completo da miña carreira. Pero… espero que o mellor estea aínda por vir!

C.- Non é a primeira vez, porén, que falas das dificultades que tiveches para conseguir o teu soño nun país no que o fútbol feminino conta con escasa representación.

V. B.- O camiño non foi nada doado, pero non o cambiaría. Foi o que me converteu no que son, tanto como futbolista como como persoa. Agora o obxectivo é seguir abrindo portas e deixarlles un mellor camiño ás que veñan detrás.

C.- Será que o deporte feminino – e o fútbol en particular- están rodeados de prexuízos: que se é pouco delicado, demasiado bruto, non apto para mulleres refinadas, masculinizante… Cal desas etiquetas che resulta máis molesta?

V. B.- Calquera delas; estamos fartas de escoitar o mesmo. O deporte é deporte e o fútbol é fútbol. É un deporte de contacto, de forza, co cal as xogadoras teñen que estar fortes. Pero iso non vai ligado con nada; hai futbolistas noutros países que son modelos, imaxe de grandes marcas, moi femininas… Aquí en España algúns seguen con esas cousas para desprestixiarnos, pero xa empezan a quedar sen argumentos.

C.- No verán de 2015, a selección de fútbol feminina inglesa despedíase da Copa Mundial de Canadá cun 3º posto máis que meritorio. Facendo balance da súa actuación, un comentarista deportivo (do que prefiro non lembrar o nome) dedicoulles ás súas compatriotas unha frase que traducida sería: “agora é tempo de que volvan ás súas casas, ás súas tarefas, coas súas familias”. Por que será que a ninguén se lle ocurriría dicirlle nada semellante a un Messi ou un Neymar Jr.?

V. B.- É cuestión de mentalidade, de cultura, de educación. Seguimos marcados polo machismo, a sociedade segue sendo machista porque nos criamos e crecemos desa forma, acabamos vendo normal cousas que non o son. O fundamental é a educación, é aí onde temos que comezar o cambio.

Vero Boquete é a futbolista española máis famosa
O fútbol é o seu motor vital, mais non é o único

C.- E se lle fixesedes caso a Sepp Blatter e elixisedes equipacións máis “adecuadas” para mulleres (enténdase: shorts e camisetas elevadas á súa mínima expresión)?

V. B.- Se son mais cómodas, si. Iso non quere dicir que teñan que ser elevadas á mínima expresión como el comentaba, pero si máis femininas, roupa de muller, e non ter que xogar coas equipacións de home. O que non imos é poñer o que el comentaba e co obxetivo que el tiña: atraer a máis espectadores. Os que veñan, que veñan polo deporte e non por vir a botar un ollo.

C.- Algún e algunhas defenden que xa vai sendo hora de que a presidencia da FIFA estea ocupada por unha muller.

V. B.- Eu o que quero é xente capacitada ocupando os cargos de poder, dáme igual que sexa home ou muller, que sexa o mellor.

C.- Considéraste un modelo para @s nen@s galeg@s? A quen soñabas ti con parecerte?

V. B.- No seu momento xa dixen que para min ten máis valor que una nena ou un neno diga que quere ser coma Vero Boquete ca gañar o Balón de Ouro. Poder ser modelo para os máis cativos é un privilexio e unha responsabilidade. Ademais, sérveme de motivación. Eu, por desgracia, non tiven referentes femininos. Fixábame nos xogadores, pero sabía que non era real…

C.- Máis alá do fútbol, cales son as túas grandes paixóns (confesables)?

V. B.- O fútbol é a miña vida, e se non é entrenando ou xogando e vendo partidos, estarei preparándome para o futuro como adestradora. Ademais diso, a miña familia e os meus amigos son a miña paixón, pasear a miña cadela, ir á praia, ler e cociñar.

C.- E xa para rematar, anímate a predicir o teu propio futuro. Que titulares che gustaría darnos nos próximos anos?

V. B.- Campiona da Champions, da Liga e da Copa co Paris Saint-Germain, España gañando a vindeira Eurocopa 2017… Teño moitos titulares en mente, tantos coma soños.

@Ce_FerSan / Fotos: fcbayern.de / Instagram @veroboquete