Vestir para impactar? Muller e power dressing

O 'power dressing', arma de dobre fío

Malia que non sempre sexamos conscientes diso, a roupa pouco ten de trivial. Nela está a capacidade de facernos destacar entre a multitude, de presentarnos fronte ao resto e de transmitir unha mensaxe certeira sobre nós, os nosos intereses e intencións. A moda é unha ferramenta estratéxica esencial para a comunicación pública, mantendo unha relación complexa coas esferas de poder.

Para exercelo -ou aspirar a facelo- non abonda con posuír méritos. É imperativo proxectar unha determinada imaxe, acorde ao grupo ao que se pretende pertencer. E niso, a elección das prendas xoga un papel clave. A noción “power dressing” sintetiza esa dimensión simbólica da moda, que modela a identidade laboral tanto de homes como de mulleres. Aínda que, no caso delas, o termo adquire unha especial dimensión.

Margaret Thatcher é a artífice do 'power dressing' moderno
Odiada e amada a partes iguais, Thatcher soubo construír unha imaxe poderosa

Poderíase afirmar que foi Margaret Thatcher a pioneira na aplicación contemporánea (a faraoa Hatsheput xa botara man de prendas masculinas para reforzar a súa posición) do power dressing. Ela, que foi a primeira muller en liderar o Partido Conservador británico e en ocupar o cargo de Primeira Ministra do seu país, foi tamén unha avanzada na creación e manexo dunha estética propia. Ignorada e ridiculizada polos seus propios compañeiros de filas, desprezada nos medios polo simple feito de ser unha muller con ambicións, rápido entendeu que lle era preciso adoptar unha coiraza que a protexese dos xuízos de valor e lle permitise xestionar a súa imaxe, de xeito que non eclipsase o impacto das súas ideas políticas.

Poñendo en práctica os consellos do seu asesor, esforzouse por ser unha Margaret Thatcher sen mácula para neutralizar os críticos. Modificou calquera rasgo, xesto ou costume que a sinalase como unha nai de familia, ancorada no plano doméstico e dependente dun marido. Deu un xiro sofisticado ao seu peiteado, apostou por traxes de saia e chaqueta de corte impecable e monocromáticos e nunca deixou de lucir colares de perlas (elegantes sen ser luxosos) como concesión.

Ese era o seu uniforme de traballo, recoñecible, implacable, monótono e dificilmente censurable. Ninguén podería dicir que se perdía en aspectos superficiais. Porque se algo aprendeu Thatcher naqueles anos é que para sobrevivir no eido público non abonda con ser, senón que tamén hai que parecer. Sobre todo sendo muller en sectores cunha forte presenza masculina.

Pero Margaret Thatcher non foi a única que houbo de facer seu o power dressing. A finais dos 70 e, sobre todo, nos 80, produciuse a incorporación feminina masiva ao mercado laboral. As resistencias, a discriminación e o sexismo foron entón combatidos cunha arma sutil: a roupa. A indumentaria converteuse nunha protección fronte ao cuestionamento da valía e aptitude das mulleres nos seus postos de traballo.

O escudo das empregadas de eidos como o financeiros ou o corporativo foi a adopción do traxe, masculinizante, asimilador, sen marxe para a diferenciación. O vestir conservador, tradicional, influenciado polo estilo xastre popularizado por Chanel nas primeiras décadas do século XX pasou a ser o piar da estratexia feminina para abrirse camiño. Esa especie de uniformación era a tarxeta de adhesión ao “club dos homes” que era o universo das empresas.

O 'power dressing' evolucionou desde os anos 70
Indumentaria clásica para ir á oficina

Con traxes de chaqueta e saia un palmo por debaixo do xeonllo, de cor azul escuro ou gris, blusa branca, pano ao colo, tacóns moderados e medias en ton cru, as empregadas buscaban a invisibilidade, mimetizarse nun ambiente a miúdo hostil. Como comentaba o New York Times a propósito da exposición Women Fashion Power (Design Museum de Londres, 2014), “as mulleres de negocios comezaron a vestir -se non para o poder- si para simplemente encaixar”.

Os códigos non escritos do mercado laboral europeo (e occidental, en xeral) tampouco deixaban marxe para a disensión. Proba diso é The Woman’s Dress For Success Book, o manual de estilo publicado por John T. Molloy en 1977 no que sentenciaba que “calquera outra cousa é impensable no traballo”. As mulleres traballadoras renunciaban a desenvolver a súa propia personalidade, así como a facer gala de feminidade ou coquetería (algo imperdoable en determinados contextos).

Pouco a pouco, o power dressing foise consolidando como unha arma de dobre fío, a medio camiño entre o condicionamento por parte dun entorno que esixe unha ríxida etiqueta para medrar nel e a ferramenta útil para aquelas que deciden facer del un aliado simbólico.

Actualidade do power dressing

Anne Hidalgo, admitía ao inicio do seu mandato que “a moda axuda a que as mulleres se sintan seguras de si mesmas, pero non é a moda a que reforza o poder”. A mellor imaxe, maior poder de influencia. A roupa non fai o mando, mais contribúe a reforzalo. Iso é o que dita a psicoloxía da autoridade.

Porque a moda, como apuntaba o New York Times en 2014,

é o elefante no cuarto; como a desinformación, é a ferramenta que todo o mundo utiliza para disparar, desde que Xoana de Arco vestiu unha armadura masculina.

En que medida inflúe a roupa no éxito das persoas? Analizamos o 'power dressing'
A influente Giovanna Bataglia leva o traxe de chaqueta ao seu terreo

A adopción do smart casual e do business casual trouxo consigo unha relaxación dos códigos de vestimenta corporativa, o que non implica que o power dressing estea a caer no esquecemento. Mulleres que ocupan cargos de relevancia a nivel internacional como Christine Lagarde (presidenta do Fondo Monetario Internacional), Theresa May (Primeira Ministra do Reino Unido) ou Patricia Botín (presidenta do Banco Santander) consolidaron a súa imaxe pública ligándoa a un roupeiro clásico, de aires masculinos e liñas simples.

Todas elas parecen seguir a máxima “viste vulgar e só verán o vestido. Viste impecable e só verán a muller” (así dicía o personaxe de Sigourney Weaver en Working Girl, 1988).

Os casos paradigmáticos son os de Angela Merkel -a denominada “muller máis poderosa de Europa”, cuxo vestiario composto por pantalóns negros e chaquetas de vestir de cores únicas é a súa marca inconfundible-, e o de Hillary Clinton -quen conseguiu facer da súa roupa unha arma electoral-. Se na campaña das primarias demócratas de 2008 optou unha e outra vez por unha blazer sen artificio, na de 2016 -así como na carreira presidencial posterior- levouna ao paroxismo. Conxuntos de pantalón e americana, sempre cortados por un mesmo patrón, convertéronse entón no seu sinal de identidade.

A estratexia estética non estivo exenta de controversia, pois o segmento máis novo do electorado demócrata acusouna de reaccionaria e pro-stablishment, pero a franxa feminina de mediana idade acolleu con euforia o xesto. Segundo Libby Chamberlain, unha das partidarias que participaron activamente na campaña de Clinton, tratábase, porén, de desafiar os roles de xénero apoderándose do traxe tipicamente masculino. “O traxe de chaqueta e pantalón é un símbolo desa loita”, puntualizaba Chamberlain en declaracións á CNN. Para reforzar a mensaxe, en Twitter difundiuse o cancelo #PantsuitNation e mesmo Beyonce puxo un toque Clinton sobre o escenario.

O 'power dressing' ten hoxe distintas connotacións
Beyonce, vestida co traxe de chaqueta característico de Clinton

Proba do carácter ambivalente -definitivamente subversivo en mans feministas- do power dressing na actualidade.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @bat_gio, @hillaryclinton