Visitar guetos: tendencia turística de gusto discutible

Esa tolemia que move o consumo de hoxe en día e que nos incita a buscar o lado máis underground ou alternativo da vida tamén chegou ao turismo. Xa non abonda con visitar os lugares recomendados nas guías de viaxes. Se queres ser un/unha turista cool, terás que fuxir das masas e entrar nos guetos.

Se Bushwick, Soweto ou Rocinha che soan a chinés, é que aínda non estás ao tanto da última tendencia turística: o slum tourism ou turismo de guetos. En que consiste? En visitar barrios marxinais na procura do verdadeiro pulso das cidades. Iso si, ninguén dixo que esta moda estivera libre de polémica.

Guetos como as favelas do Brasil son obxecto de visita
As favelas brasileiras son agora un destino turístico

Todas as cidades, por pequenas que sexan, teñen un (ou varios) barrios onde a marxinación se apodera da vida da poboación local. E semella que a súa existencia rodeada de pobreza e actividades de toda condición (a maioría delas ilegais) ten un gran atractivo para moit@s turistas.

Para coñecer a auténtica “cara B” de cidades como Nova York, Johanesburgo ou Río de Janeiro, xa proliferan as axencias de viaxes que ofrecen visitas guiadas aos barrios de Bushwick, Soweto ou á favela Rocinha, respectivamente.

Actividade controvertida

O turismo de guetos, como moitas das modas actuais, tamén ten a súa orixe en tempos pasados. Concretamente, no século XIX, cando @s máis ric@s de Londres comezaron a visitar os barrios de Whitechapel e Shoreditch, e os de Nova York fixeron o propio achegándose ás zonas de Bowery e Five Points.

As rutas turísticas por barrios marxinais son tendencia
Unha dose necesaria de realismo ou falla de moral?

Desde o seu nacemento, estivo rodeado de certa polémica, pois había xente que o consideraba unha práctica pouco ética.

@s que a defenden sosteñen que é un xeito de coñecer a realidade máis xenuína das cidades, o que lles permite gozar de expresións artísticas alternativas que non existen nas zonas máis transitadas como a arte urbana. Poder observar a forma de vida d@s veciñ@s destas zonas deprimidas, din, tamén @s fai conscientes das súas necesidades.

Outro dos argumentos máis empregados a favor do turismo de guetos é que pode ser o xermolo para un proceso de “xentrificación”, grazas ao cal sería posible a mellora da calidade de vida d@s habitantes do barrio debido ás inversións en servizos e infraestruturas nel.

Mais nos últimos anos demostrouse que o da “xentrificación” é un proceso que, á longa, resulta prexudicial, pois remata por expulsar @s orixinari@s da zona por causa de factores como a suba do prezo dos alugueiros ou a perda de poder adquisitivo.

En contra desta tendencia turística tamén se posicionan @s que o ven como unha actividade humillante para a poboación local, que se converte en obxecto de observación. Á fin e ao cabo, trátase de xente cun status social privilexiado que durante un tempo determinado invade a intimidade d@s veciñ@s na procura de experiencias diferentes. Chegan, miran, tiran fotos e marchan.

Os guetos son a última descuberta do turismo alternativo
Arte urbana en Nairobi, Kenia

Turismo alternativo? Voyeurismo? “Clasismo”? Agora que a coñeces, podes xulgar a idoneidade da tendencia turística do momento.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo | Fotos: Instagram @politiken_rejser, @mayamatchstick