“Viva Coco Libre!”, a camiseta da revolución estilosa

Esta camiseta é a clave da colección cruceiro de Chanel

Hai moitas formas de diplomacias, e a da moda non é das menos importantes. Chanel, baixo a batuta de Lagerfeld, bendiciu o pasado maio o histórico desxeo das relacións políticas e económicas entre os Estados Unidos e Cuba. Asinaba o comezo simbólico dunha nova era na esfera internacional e facíao levando á pasarela un berro revolucionario sui generis: “Viva Coco Libre!”. Hoxe, non hai it girl que non o leve impreso na camiseta máis in do momento.

Para o ollo estranxeiro, Cuba -e, concretamente, A Habana- ten algo de decorado de ficción, de cadro ou marco exuberante no que o tempo se detivo á espera dun futuro que non acaba de chegar. É o paraíso caribeño por excelencia, un oasis de cor e vitalidade nun deserto extemporáneo, unha paisaxe de película demasiado real.

Chanel eleva a camiseta básica ao estrelato
Luz, cor e boinas revolucionarias no Paseo del Prado de La Habana

Cuba, a imaxe que dela coñecemos, é un mito cultural, un clixé. E Karl Lagerfeld, un dos deseñadores con mellor olfacto para o marketing, quixo reiventala para @s consumidores/-as de moda do século XXI. En maio de 2016, co gallo do restablecemento das comunicacións cubano-norteamericanas a distintos niveis, aterraba na Habana co seu séquito para levar a cabo unha particular revolución: a do estilo Chanel. En pleno Paseo del Prado, coa presencia de pesos pesados da industria como as editoras Carine Roitfeld e Emmanuelle Alt ou modelos como Gisele Bündchen e Stella Tennant, este mago das postas en escea deu un verdadeiro toque de efecto.

Unha das prendas destacadas da colección cruceiro 2017 de Chanel foi, curiosamente, unha das máis sinxelas: unha camiseta co lema “Viva Coco Libre!” estampado. Nin pezas en tweed nin detalles de perlas ao estilo clásico da maison. As camisetas de algodón básicas, con motivos irónicos, pop ou vintage son un elemento imprescindible no street wear feito sofisticado que veñen defendendo nas últimas temporadas desde referentes do prêt-à-porter como Gucci, Balenciaga ou Vetements ás marcas de roupa accesible como Zara ou Topshop.

Esta camiseta "vintage" é un "must" da temporada
Chanel apúntase á tendencia das camisetas básicas

Lagerfeld fai desta un bo exemplo dese sporty chic tan cultivado en editoriais de publicacións especializadas e en blogs de moda. É a bandeira desa deriva xuvenil que está a adoptar a maison parisina, ese aire desenfadado, fresco, mesmo rebelde e un chisco contestatario que tan ben casa co espírito da Cuba eterna e que encarnan as súas embaixadoras Lily Rose Depp e Kristen Stewart.

A camiseta “Viva Coco Libre!” é unha clave dese aspecto estudadamente informal desta nova xeración de iconas de estilo. Fascinante e esquecible a partes iguais, é ademais un branco doado para clons e imitacións.

Polo momento, conseguiu conquistar os corazóns -e os roupeiros- da plana maior das blogueiras internacionais. Non hai unha que non documentase na súa conta de Instagram o seu incipiente idilio coa estrela da última colección cruceiro de Chanel. “Viva Coco Libre!”

@Ce_FerSan / Fotos: chanel.com / Instagram @chanelofficial