Vivenda, doce (e moderna) vivenda

As vivendas feitas con contedores industriais son tendencia

As  vivendas teñen que adaptarse a quen has habita, ás súas circunstancias, á súa mentalidade. Os novos tempos e, sobre todo, a situación económica traen con eles un cambio de paradigma neste eido. A maior conciencia ecolóxica, a falla de recursos ou a busca de orixinalidade fan que cada vez se tenda máis a ter en conta alternativas verdes, eficientes e/ou económicas.

Tentar acceder á unha vivenda, xa sexa en propiedade ou en alugueiro, hoxe é máis caro ca anos atrás. Porque a diferenza entre os salarios e o prezo da vida é moi grande, porque ter aforros é (case) unha utopía e porque se esixe unha estabilidade laboral non moi común.

Por todo isto -e moitos outros factores-, o mercado está a vivir un cambio de tendencia e unha diversificación poucas veces vistos nas últimas décadas. Compradores e compradoras xa non buscan unha vivenda prototipo, como as que mercaran nosos pais e avós, senón que buscan a diferenciación; e non o fan pensando só na estética, senón, e sobre todo, na coherencia co seu estilo de vida.

As novas propostas tentan adaptarse a estes novos requirimentos, aparecendo outras tipoloxías de vivenda máis polivalentes, eficientes, algunhas inspiradas na tradición e outras radicalmente opostas ao establecido. En que consisten todas elas?

Vivir nun container (ou en varios)

Unha tendencia que se está impoñendo é a das casas feitas con containers desbotados do transporte marítimo. Perfectos para aquelas persoas enganchadas ao upcycling, non resulta difícil acondicionalos para facelos habitables. Teñen a importante característica de ser modulares, o que fai que se poidan combinar para obter o tamaño ou a forma desexados, personalizándoos por completo. Con eles afórrase moito tempo de construción e man de obra e, ademais, poden colocarse en case calquera terreo.

As casas en miniatura son o modelo de vivenda 2.0
O movemento “tiny house” medra en intensidade nos Estados Unidos

Unha vivenda en miniatura

Nos Estados Unidos veñen facendo furor desde fai un par de anos as “mini-vivendas”, en inglés tiny houses. O concepto non é novo, pois inspírase noutros espazos habitables como as caravanas ou os barcos, mais conseguen resultados cheos de encanto. Ademais, algunhas mesmo serven para carrexar @s propietari@s cando van de viaxe, pois pódense acoplar a un vehículo. Hainas en versión moderna, rústica ou que combinan ambos conceptos.

Verde e eficiente

Unha alternativa de moi baixo impacto ambiental chega desde Perú: a “domo”. Este tipo de construción redonda, con tanta personalidade que parece saída dalgún libro de Tolkien, está feito dun material chamado “superadobe”. Consiste en rolos de polipropileno recheos de terra que se van colocando uns enriba doutros ata ter feita a estrutura da vivenda. Despois pódese revestir con calquera outro material adaptado ás características do entorno e da situación da casa. Destaca por ter unha boa resistencia fronte ás adversidades, como poden ser os incendios ou os terremotos.

A vivenda do futuro en Perú é a "domo"
Eficientes, orixinais e cunha construción a proba de terremotos: así son as “domos”

Minimalismo made in Spain

Outros estudios de arquitectura fan propostas esteticamente inspiradas na tipoloxía de casa que tod@s temos en mente, pero dándolle unha volta. Triunfan as estruturas prefabricadas, a simplicidade e a mobilidade. Son, por exemplo, vivendas feitas con paneis de formigón e unha superficie de menos de 30 metros cadrados. Pódense instalar en chaeiras e, se por circunstancias houbese que mudalas de sitio, só habería que contratar unha grúa.

Todas estas ideas supoñen un novo concepto non só de fogar, senón tamén de vida. Adaptarse a espazos reducidos, vivir sobre rodas ou apostar por outros tipos de construción son xa unha realidade. New house, new life.

Lara Santomé  @lara_sanro / Fotos: poteetarchitects.com; Flickr.com; airbnb.es