Vivimos nunha sociedade de etern@s Peter Pan?

A adolescencia prolóngase e tingue a fase adulta

Abonda con unha ollada ao álbum familiar para decatarse de como e canto cambiou o paradigma da nosa sociedade. Homes e mulleres retratad@s aos seus vinte e poucos anos rodead@s de fill@s, escoltad@s por avós e avoas, cunha esperanza de vida que hoxe cualificariamos de modesta. En menos de cen anos, o contexto económico e político fixo que @s bisnet@s apenas sexan capaces de se recoñecer neses retratos antigos.

Así, na segunda década do século XXI, as dinámicas familiares e sociais pódense explicar en relación a tres nocións clave: emancipación tardía, precariedade laboral e financieira, culto exacerbado á xuventude. Sobre as chamadas Xeración X e Xeración Y (correspondentes á xente nacida entre os anos ’70 e finais dos ’90) pesa coma unha espada de Damocles a pantasma de Peter Pan, ese personaxe clásico atrapado no limbo que separa a adolescencia da madurez.

Nos Estados Unidos, existe un termo para definir este novo prototipo humano de fronteira: kidults (mestura de “kid”, nen@, e “adult”, adult@), @s chamad@s adultescentes en Latinoamérica. O que se pretende verbalizar é, en definitiva, unha certa “infantilización” da sociedade, xa sexa voluntaria ou inducida polo medio.

O desafío da emancipación material

O paso da idade infantil á adulta está asociado á toma dunha serie de decisións vitais que marcarán o futuro inmediato -e quizais remoto- da persoa: cursar estudos superiores, buscar un traballo, apostar por ser independente a nivel económico e físico, vivir só ou en parella, establecer lazos afectivos sólidos, comprometerse con alguén, ter descendencia ou non. Todas e cada unha desas eleccións particulares esixen un proceso, uns medios, uns recursos, un caldo de cultivo, un esforzo. O camiño á madurez non é unha liña recta ou un proceso automático, senón unha cadea de pequenos ou grandes retos.

En Occidente, e moi especialmente no sur de Europa, existiu ata esta última década unha especie de mística da transición á adultez. Os pasos para ela estaban ata certo punto fixados: conseguir un traballo, fundar unha familia, aforrar para mercar unha vivenda. O obxectivo básico que dita dinámica ten implícito é a chamada “mobilidade social ascendente” da descendencia. Como apunta o sociólogo Enrique Gil Calvo, esta acádase cando @s fill@s tras emanciparse adquiren

un status superior ao dos seus pais. E se non se chega tan alto, as familias confórmanse con lograr a reprodución da mesma clase social herdada (a través da homogamia, por exemplo), o que en medios cambiantes esixe unha estratexia familiar de reconversión, invertindo na educación de xeito que os fillos manteñan con outra profesión a mesma posición relativa que a súa familia ocupaba respecto das demais familias. Todo con tal de evitar o abismo do “desclasamento” ou degradación social dos fillos […].

A crise económica mundial iniciada en 2.007 e xeralizada en 2.008 veu dinamitar as inercias herdadas. A destrución de postos de traballo, as dificultades para conseguir financiación bancaria e a falla de poder adquisitivo para facerse cunha vivenda de seu obrigou a milleiros de persoas xa non a renunciar á emancipación, senón a dar un paso atrás na mesma e volver ao niño familiar.

A emancipación prodúcese de xeito tardío na nosa sociedade
Hoxe emancipámonos moito máis tarde que as xeracións anteriores

Segundo datos estatísticos proporcionados pola axencia Eurostat en 2016 no informe “Being Young in Europe today”, a media de idade á que a xente nova da Unión Europea se aventuraba en 2013 a deixar os fogares nos que medraran era de 27 anos para os homes e 25 para as mulleres. Por primeira vez, a xeración máis recente está a perder pé fronte á anterior, o que causa un principio de involución social. En España, o Consejo de la Juventud estimaba no segundo trimestre de 2016 que só un 19’7% da poboación de 16 a 29 anos conseguira levar a cabo o seu propósito de vivir pola súa conta.

A inestabilidade no eido do traballo e a crise da vivenda conforman na actualidade as dúas caras dunha mesma moeda. O seu é un círculo vicioso no que un porcentaxe significativo da mocidade europea -e occidental, en xeral- se atopa atrapada. Tomemos como mostra a poboación española de menos de 35 anos. O Observatorio de emancipación, dependente do Consejo de la Juventud, estima que tan só o 36’6% da mesma estaba traballando en 2016, unha cifra que reflicte a tendencia excluínte do mercado laboral. Ademais, subliña que o carácter precario dunha parte importante do emprego xerado está a redundar nun descenso do salario medio da xente nova (dun 3’91% entre 2.015 e 2.016), co conseguinte empobrecemento.

Nin tan sequera traballar é hoxe garantía suficiente para aspirar a cumprir a vella meta de independizarse economicamente e materialmente. E así, Gil Calvo insiste en que:

Pouco a pouco multiplícase o efecto porque ata que non conseguen o capital para dar a entrada do piso ou un contrato estable, van adiando a súa saída da casa.

A síndrome do niño baleiro, aquela que padecían pais e nais ao marcharen @s fill@s da casa para estudar e/ou traballar, vese desbancada por outra de signo inverso: a síndrome de Peter Pan d@s fill@s, incapaces ou remis@s a voar lonxe ao carecer de expectativas ou de motivación suficiente. Gerard Costa, profesor de Marketing Social en ESADE, fala de toda unha “xeración desencantada, que non se adaptou, que podería rachar e non o fixo, e isto comporta un desgaste”.

Reivindicación da eterna xuventude

A dificultade conxuntural que a mocidade occidental experimenta á hora de facer a transisión plena á idade adulta coincide co desenvolvemento dunha certa ditadura da xuventude. O culto exacerbado aos valores estéticos aliméntase tamén da frescura, o inconformismo e o potencial propios da xuventude.

Se ata fai só unhas décadas a experiencia vital acumulada era un grao, numerosos sectores (desde a cosmética á publicidade, pasando pola moda) danlle agora as costas. O envellecemento converteuse nun principio negativo e, polo tanto, de urxente corrección. Tanto é así que existe unha vertente da medicina estética dedicada en exclusiva ao estudo de fórmulas anti-ageing, é dicir, para borrar os sinais do paso do tempo.

O crecemento experimentado polo segmento de poboación entre os 30 e os 35 anos en España, que abrangue xa a case oito millóns persoas, reforza esta tendencia que raia na xerontofobia. A mocidade, polo seu volume e os seus hábitos (prioridade do lecer e da satisfación individual) é unha presa moi apetecible para o mercado de consumo. E para conquistala, apélase con frecuencia á compoñente emocional do impulso comprador. De aí que se recorra a mensaxes vencelladas a lembranzas da infancia e da adolescencia, aproveitando unha nostalxia que pesa -e moito- na conducta social d@s adult@s nov@s.

A sociedade encamíñase ao culto á eterna xuventude
Viaxar e acumular experiencias diferentes, unha das metas da nova mocidade

Asistimos a unha normalización de conductas consideradas anteriormente como “inadecuadas” en determinadas franxas de idade. O que era considerado inmaduro fai uns vinte anos, hoxe pode ser algo común. E así, constrúese un novo prototipo social, o d@s adult@s de menos de 40 anos que se entreteñen con videoxogos, que teñen por bandeira a filosofía do carpe diem, cuns patróns de consumo caprichosos e un tren de vida aspiracional e narcisista.

Este cambio de mentalidade responde segundo o sociólogo Lorenzo Navarrete a que

o síndrome de Peter Pan é a garantía para manter a equidistancia entre sentirse integrado e, ao mesmo tempo, tamén libre. Aínda pensando xa coma adultos, conservan máis actitudes e atributos xuvenís.

Toda unha loita contracultural dunha xeración atrapada entre dous mundos.

@Ce_FerSan