Volve a “logomanía” para poñer (de novo) os ’90 de actualidade

Anthony Vaccarello trae a logomanía a YSL

Primeiro foron os crop tops e os mom jeans, logo os chokers e os chándals. E agora, outra tendencia que xa causara furor nos ’90 volve con máis forza que nunca. A “logomanía” -ou o feito de colocar en camisolas, bolsos, accesorios e mesmo saias os logotipos de marcas de moda– foi rescatada do olvido por deseñadores como Gucci ou Moschino. Esta temporada, o mundo volve renderlle pleitesía.

Os logotipos marcan as propostas desta temporada P/V
Chiara Ferragni apúntase a lucir o logo por excelencia: o de Gucci

De Chiara Ferragni a Peace Love Shea, a tendencia xa conquistou os perfís de Instagram dos influencers de máis sona. E @s todopoderos@s blogueir@s xa conseguiron que esta nova-vella moda se convertese en viral, ata o punto de que mesmo as firmas low cost se lanzaran tamén á aventura de estampar os seus símbolos en todo tipo de prendas.

De feito, mesmo marcas que tradicionalmente optaran por non ser explícitas cos seus logotipos, decidíronse nesta primavera/verán a amosalos sen reservas, de todos os xeitos posibles e, por suposto, canto máis grandes, mellor.  Así, Saint Laurent por Anthony Vaccarello sorprendeu cunha colección na que, mesmo os tacóns dos seus stilettos estaban formados polo anagrama da marca.  E en Dior non quedaron atrás, sendo dobremente atrevidos: colocando as catro letras que representan a maison na súa liña de roupa interior e apostando por deixar os tirantes dos sosténs e as gomas dos culottes totalmente á vista. Toda unha declaración de intencións.

Os logotipos inundan a última colección de D&G
Dolce & Gabbana súmanse á febre dos logotipos

Porén, coma nos ’90, tamén existen voces críticas con esta tendencia, proclamando que é de mal gusto levar a marca tan ostentosamente nas coleccións e que a calidade das prendas e dos deseños debe falar por si sola. O que está claro é que, polémicas á marxe, este verán vai ser moi difícil fuxir da “logomanía”. Prada, Gucci, Saint Laurent, Moschino ou Dolce & Gabanna apostan por ela.  A clave está agora en elixir “equipo” e lucilo en todo o seu esplendor. E é que –celebrities e bloggers confírmano- o exceso e a ostentación nunca estiveran máis de moda.

María Losada @MariaLosada_ / Fotos: Instagram @yves.saint.laurent_official, @chiaraferragni, @dolcegabbana