Xa está aquí o Google da moda

Tag Walk é o Google da moda

Imaxina dispoñer de centos de imaxes de desfiles, coleccións de moda ou campañas de marcas de alta costura ou prêt-à-porter con só teclexar un par de palabras clave. Imaxina que todo ese material aparecese ante ti perfectamente clasificado segundo criterios funcionais que contribuísen a facerche máis doada a busca. Agora deixa de imaxinar, porque a utopía tornouse realidade. A moda conta xa co seu propio Google, e chámase TagWalk.

Ata o momento, a tarefa de calquera cazador/-a de tendencias, estilista ou axudante de moda consistía en invertir horas e horas rastrexando propostas e modelos que se adaptasen ás súas necesidades a través de páxinas web, referencias editoriais e perfís en redes sociais. Un esforzo titánico e esgotador ao que se enfrontaban con resignación e, en boa medida, un enorme sentimento anticipado de frustración.

Mais, grazas á iniciativa de Alexandra van Houtte (estilista e antiga asistenta en publicacións especializadas como NuméroGlamour, Vogue, Grazia ou I-D) esas penosas rutinas están comezando a mudar. Ela é a fundadora da start-up TagWalk, e a mente responsable de artellar un sinxelo pero eficaz mecanismo para atopar material gráfico de desfiles, sesións de fotos, coleccións ou campañas de publicidade sen saír dunha mesma web. TagWalk é un buscador enfocado unicamente e en exclusiva á compilación de contidos relacionados coa moda. Un Google especializado.

TagWalk permite buscar imaxes sen esforzo
Os filtros de TagWalk fan desta unha ferramenta imprescindible

Como tantos outros proxectos pioneiros, o de Van Houtte xurdiu, xa que logo, para dar resposta a un problema recorrente ao que se enfrontaba ela. Fantasiaba cunha plataforma que recollese toda a información que precisaba a diario… e decidiu poñerse mans á obra e creala ela mesma. TagWalk, que se deu a coñecer esta primavera, non tardou en despegar. A proposta está a causar sensación, e non son no eido editorial. Estilistas, xornalistas e coolhunters cóntanse xa entre @s usuari@s habituais desta ferramenta de busca.

En TagWalk non predín tendencias, compílanas
As frecuencias de buscas inspiran paneis de tendencias

A diferenza de Vogue Runway -esa sección da revista que recopila datos e imaxes de pasarelas, coleccións e deseñadores/-as-, TagWalk posúe un funcionamento máis refinado. Permite localizar looks vistos nas semanas da moda de París, Londres, Nova York ou Milán empregando criterios como cores, estampados, tendencias estéticas, marcas ou temporadas. Con só teclexar unha ou varias palabras clave na barra de busca, xurdirán numerosas prendas de deseño que se adapten a ditos filtros. As imaxes relacionadas poden ser gardadas como un taboleiro de inspiración online (moi ao estilo de Pinterest) nunha conta de TagWalk, descargadas en formato .pdf ou impresas directamente.

A súa misión non é predicir tendencias, senón estudar repeticións de determinadas etiquetas (de aí o uso da palabra “tag”, etiqueta, en inglés, no propio nome da start-up) na Internet. Segundo o volume de buscas dun concepto nun período concreto, vanse elaborando listas de tendencias en cor, materiais ou estilos. E iso serve tamén para alimentar a sección Tag Trends, na que se presentan os conceptos dos que a industria e o público están a falar. Actualizada en tempo real, é unha verdadeira xoia para profesionais e amantes da moda.

O Google da moda ten múltiples opcións
TagWalk tamén axuda a identificar prendas da rúa e onde mercalas

En TagWalk, as grandes casas non teñen necesariamente a preeminencia. Ao valerse de palabras clave, os resultados da busca colocan ao mesmo nivel a firmas consagradas e emerxentes, unidas polo uso, por exemplo, dun mesmo estampado, un tipo de tecido ou unha determinada cor. Tampouco é unha ferramenta de uso exclusivo de insiders, senón unha fiestra aberta de consulta.

Carmen Busquets, cofundadora de Net-a-porter e inversora de Farfetch ou Moda Operandi, vén de bendicir a idea de Alexandra van Houtte inxectándolle a TagWalk unha boa de dose de capital. Lonxe quedan xa os modestos 10.000 euros de inversión inicial.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @tagwalk / tag-walk.com