Xaxún intermitente: nova tendencia alimentaria?

Pensabas que xa o viras todo no mundo das dietas? Pois non, sempre aparece algo novo que logra sorprenderte. Desta volta é o xaxún intermitente. É a última (e perigosa) tendencia en dietas radicais entre @s xefes/-as das empresas máis innovadoras de Silicon Valley, que o empregan como un mecanismo de estímulo da creatividade.

O xaxún, esa práctica á que algúns/-has tanto tememos, estivo tradicionalmente asociado coas crenzas relixiosas –por exemplo, o que se fai na Coresma–, co ámbito sanitario –en casos de intervencións cirúrxicas–, ou coas terribles rutinas alimentarias das modelos das pasarelas internacionais. Volvemos saber del fai un tempo, cando algunhas famosas prescritoras de tendencias defenderon os seus beneficios detox.

O xaxún é a nova dieta de Sillicon Valley
Que se agocha detrás do xaxún intermitente?

Agora son @s empresari@s da meca tecnolóxica mundial @s que o poñen de actualidade outra vez. Segundo afirman @s que o defenden, ademais de axudar a perder peso, o xaxún intermitente aumenta a produtividade e a creatividade no traballo. É a desesperada procura do máximo rendemento físico e intelectual.

Pero, en que consiste o xaxún intermitente?

En deixar de comer un día á semana, o que se coñece como dieta 6:1, en referencia aos seis días nos que se come de xeito normal e ás 24 horas nas que os únicos alimentos que se inxiren son auga, café e té. O tempo de xaxún pode prolongarse ata chegar aos catro días, dentro dun período de tempo máis longo que a semana.

Biohacking

Esta nova ocorrencia -que xurde das que se supón que son as mentes máis brillantes do planeta- enmárcase no chamado biohacking, unha dieta que consiste en “piratear” o organismo a través do xaxún para obter un mellor rendemento do cerebro.

Facer xaxún para adelgazar, tamén en Sillicon Valley
Enganar o cerebro para que consuma graxa. así é o novo xaxún

Con esta práctica, pretenden que, ante a falta de hidratos de carbono (os seus alimentos habituais), o organismo obteña a enerxía necesaria da graxa que ten acumulada. Nesta situación, o fígado e os riles xeran uns compostos químicos chamados cetonas, que son un mecanismo de urxencia que emite o noso corpo cando non recibe alimentos.

Por suposto, @s expert@s sanitari@s desaconsellan o biohacking. Na contra do que buscan @s que o practican, ten efectos prexudiciais para a concentración: ao non ter carbohidratos, o cerebro vólvese máis lento. Ademais, aínda non hai estudos sobre os efectos que o consumo de cetonas pode provocar no noso organismo a longo prazo.

Alén das consecuencias sobre a saúde -o máis importante-, onde quedou o pracer de degustar unha boa comida? Que hai da cultura de sentar a unha mesa e compartir e gozar dese ritual tan primario que é o alimentarse? Alí, en Silicon Valley, onde nacen moitas das ideas máis brillantes e vangardistas, tamén hai oco para as máis tolas e perigosas.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo